Lugo suma outros 26 casos novos de coronavirus dende o balance do domingo

TerraChaXa
O brote de coronavirus na Mariña segue a crecer e fai ascender o número de casos activos na provincia a 143, cando fai unha semana eran 47 e antes do brote, o 23 de xuño, estaban en 17.
covid 19 (2)
6 Xul 2020

O brote de coronavirus na Mariña segue a crecer e fai ascender o número de casos activos na provincia a 143, cando fai unha semana eran 47 e antes do brote, o 23 de xuño, estaban en 17. Non todos os casos son Mariña, xa que vinculados á costa hai 119 casos activos, aos que se poden sumar as nove altas que se deron a persoas curadas. Nesta comarca son 20 casos máis que onte.

Dos 119 casos activos a maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve, e teñen a obriga de gardar corentena durante 14 días. Catro persoas con resultado positivo están ingresadas no Hospital Público da Mariña e a súa evolución é favorable.  Do mesmo xeito, as persoas cuxas probas deron resultado negativo permanecen en seguimento no seu domicilio, asesorados pola Plataforma de Vixilancia Epidemiolóxica e os Servizos de Medicina Preventiva e Saúde Pública do Sergas. A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.

No total da provincia hai 143 casos activos, 26 máis ca onte e cun hospitalizado no Hula, o mesmo que leva varias semanas. Ademais, segue estable o número de falecidos, en 28, e hai 932 altas e un total de 1.103 casos no acumulado histórico. A zona sur da provincia segue sen afectados.

Ademais, a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 254, deles 30 son da área da Coruña, 143 da de Lugo, 3 da de Ourense, 2 da de Pontevedra, 61 da área de Vigo, 13 da de Santiago, e 2 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 6 están en unidades de hospitalización e 248 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.808 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

Os datos que ofrecen indican que Lugo a metade dos casos que hai en Galicia, cando foi unha das que máis baixas estivo sempre en número de contaxios. Pese aos datos da provincia luguesa, a comunidade presentou unha cifra menor que a de onte.

Para frear o contaxio, puxéronse varias medias en marcha como o peche da Mariña durante cinco días, o aumento da distancia social e a baixada do aforo permitido dos locais, ademais de que moitos alcaldes están tomando distintas decisións para protexerse como o peche de novo de parques e centros deportivos, aumentando a distancia nas praias e recrudecendo a vixilancia.

0.13357305526733