Máis de 200 persoas participarán na Ruta BTT Terra Chá San Simón da Costa
A Ruta BTT Terra Chá Queixo San Simón da Costa arrancará este sábado, 6 de abril, polos concellos de Vilalba, Muras e Xermade cun total de 210 inscritos. Este evento deportivo volve coincidir coa celebración da Feira do Queixo.
A ruta dará comezo ás 11:00 horas con saída dende a praza da Constitución de Vilalba. Poden participar todos os ciclistas maiores de 15 anos que teñan unha licencia federativa en vigor, cun máximo de 300 participantes pero este ano as inscricións pecháronse con 210 participantes.
Como outros anos, a ruta máis longa percorre ao longo de 60 quilómetros polos concellos de Vilalba, Xermade e Muras, con 1.750 metros de desnivel positivo. Con respecto á ruta de media distancia, conta con 50 quilómetros e 1.100 metros de desnivel positivo e, por último, a proba máis corta é de 37 quilómetros e 700 metros de desnivel positivo.
A Ruta BTT Queixo San Simón da Costa é xa unha proba cicloturista consolidada no calendario deportivo da provincia, e como novidade este ano contará con tres percorridos practicamente renovados.