Máis dun centenar de nenos e nenas da Pastoriza participan nos campamentos municipais

O Concello da Pastoriza puxo en marcha unha nova edición dos seus campamentos de verán, unha iniciativa que permitirá que máis dun centenar de nenos e nenas do municipio desfruten durante as próximas semanas dunha ampla programación de actividades lúdicas, educativas e deportivas, nun servizo totalmente gratuíto para as familias.
Os campamentos, que se desenvolverán nas instalacións municipais, están dirixidos a menores escolarizados en Educación Infantil, Primaria e ESO, e teñen como obxectivo favorecer a conciliación familiar durante o período estival ao tempo que ofrecen aos participantes unha alternativa de lecer saudable, divertida e enriquecedora.
Entre as actividades programadas destacan diversas saídas e experiencias ao aire libre, como unha excursión a Cerceda, unha xornada de kayak, actividades de paintball adaptadas ás diferentes idades e unha saída á costa lucense con destino en Foz. Ademais, os participantes poderán gozar de xogos, deportes, piscina, obradoiros e numerosas actividades pensadas para fomentar a convivencia, o compañeirismo e a diversión.
Desde o Concello da Pastoriza quérese destacar a excelente acollida que teñen cada ano estas iniciativas, así como agradecer a confianza depositada polas familias do municipio, que fan posible o éxito deste programa de conciliación.
O Goberno municipal reafirma así o seu compromiso co apoio ás familias e coa creación de oportunidades de lecer educativo para a infancia e a mocidade do concello.