Medio Rural amplía a seis anos as declaracións de impacto ambiental

TerraChaXa
A Consellería do Medio Rural, a través dunha emenda no proxecto de Lei de Medidas fiscais e administrativas, incorpora unha disposición adicional á Lei de Mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, consciente da complexidade da tramitación administrativa que leva consigo unha reestruturación parcelaria.
3 Dec 2019

A Consellería do Medio Rural, a través dunha emenda no proxecto de Lei de Medidas fiscais e administrativas, incorpora unha disposición adicional á Lei de Mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, consciente da complexidade da tramitación administrativa que leva consigo unha reestruturación parcelaria. Esta emenda supón a ampliación do prazo de vixencia das declaracións de impacto ambiental (DIA) dos procesos de reestruturación parcelaria a 6 anos.

Así, no marco dos procesos de reestruturación parcelaria e co fin de abordar a súa complexidade procedimental -que en Galicia se ve dificultado por unha alta fragmentación da propiedade que ralentiza notablemente o seu avance-, fronte ao prazo actual de vixencia da DIA fixado en 4 anos pola Lei estatal de Avaliación ambiental, a Comunidade Autónoma de Galicia establecerá con esta emenda unha validez de 6 anos. Esta medida prolongará automaticamente dous anos máis as declaracións de impacto ambiental vixentes neste momento.

Ademais, a Consellería do Medio Rural xa comezou as actuacións materiais de inicio dos proxectos de reestruturación parcelaria, cuxas declaracións de impacto ambiental xa teñen sido emitidas –entre elas as do concello pontevedrés de Agolada-, dando así cumprimento aos requirimentos das DIAs e quedando garantida, a súa vez, a vixencia das mesmas.

Aposta pola mobilización da terra
A Xunta ten un firme compromiso cos procesos reestruturacións parcelarias como instrumentos de dinamización do agro galego e por iso investirá no ano 2020 máis de 20 millóns de euros para impulsar os 104 procesos de reestruturación parcelaria que están abertos a día de hoxe. Neste senso, é importante deixar claro o investimento do Goberno galego na materia, xa que aos 20 millóns presupostados para o vindeiro ano hai que sumarlle o xa investido ao longo desta lexislatura, investimento que, dentro do seu compromiso total, supera os 100 millóns de euros.

Ademais, o Goberno galego tamén traballa noutros proxectos de mobilización de terras coa finalidade de poñer en valor os terreos para o seu aproveitamento, tanto dende o punto de vista agrario como forestal e tamén de fomentar a remuda xeracional. Neste eido destacan, por exemplo, as iniciativas levadas a cabo a través do Banco de Terras como son as 80 hectáreas de soutos tradicionais recuperadas na Serra do Courel, as case 30ha. postas en valor en Sober ou as case 200 ha. de zonas de concentración parcelaria que se levan renovado en Cualedro, entre outros proxectos.

Cabe lembrar tamén que a mobilización de terras agrarias é a liña estratéxica da futura Lei de recuperación e posta en valor da terra agraria de Galicia, na que está a traballar o Goberno galego e o Grupo Parlamentario Popular e que entrará no Parlamento este ano. Unha norma que contemplará os chamados polígonos agroforestais, os instrumentos de xestión conxunta da terra ou o banco de explotacións entre as medidas para recuperar a terra abandonada.

0.14391493797302