Medio Rural asegura que investiu na provincia 154 millóns de euros

TerraChaXa | LugoXa
A Consellería do Medio Rural investiu na provincia de Lugo 154 millóns de euros durante o pasado ano, segundo o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro.
5 Xuño 2018

A Consellería do Medio Rural investiu na provincia de Lugo 154 millóns de euros durante o pasado ano, segundo o delegado territorial da Xunta, José Manuel Balseiro. 

En Lugo, indicou, “o rural ten un peso específico tanto  desde o punto de vista económico, pola importancia dos sectores agrogandeiro e forestal, como desde o punto de vista da poboación residente nas 1.251 parroquias rurais das nosas vilas e pobos”. Esta relevancia  reflíctese -engadiu Balseiro- “en que en máis da metade dos concellos lucenses, 34 dos 67, as axudas que reciben só dende a Consellería do Medio Rural superan ao orzamento municipal”.

Así, indicou que hai casos, como o da Pastoriza, no que as achegas deste departamento duplican con creces o orzamento municipal (5,3 millóns de euros fronte aos 2,2 de orzamento propio), aínda que tamén son destacables os 1,2 millóns de diferencia que se dan en Láncara (3,2 millóns en achegas fronte a 1,9 millóns de orzamento municipal) ou en Guitiriz (4,6 millóns de investimento fronte a 3,3 millóns de orzamento).

Nesta mesma liña, o delegado afirmou que no 92% dos concellos lucenses as achegas desta consellería superan o investimento total que reciben da Deputación Provincial, “e mesmo o duplican ou triplican nalgúns casos”. En concreto, son todos os concellos a excepción de Burela, Cervo, Ribadeo, Ribas de Sil e Viveiro.

Grandes liñas de apoio

O volume inversor corresponde a distintas grandes liñas de apoio. En primeiro lugar, as axudas dirixidas ás explotacións agrarias suman 25,6 millóns de euros; neste apartado inclúense os plans de mellora, con máis de 18 millóns de euros, ou as axudas para a incorporación de mozos (máis de 6 millóns) e para pequenas explotacións (case 1,5 millóns), entre outras.

As obras en infraestruturas agrarias, como o plan Marco para o arranxo de camiños de titularidade municipal ou os procesos de reestruturación parcelaria, sumaron 3,6 millóns de euros.

As axudas  da Axencia Galega De Desenvolvemento Rural (AGADER) ascenderon a 4,4 millóns de euros, principalmente en impulso a proxectos empresariais a través dos Grupos de Desenvolvemento Rural (GDR).

De capital importancia son as axudas do  Fondo Galego de Garantía Agraria, que xestiona os 91,7 millóns de euros das axudas da Política Agraria Común (PAC).

No servizo de Montes superaron os 10,6 millóns de euros destinados a labores de reforestación, maquinaria forestal e tecnificación, ou labores de silvicultura mediante subvencións, consorcios ou convenios cos propietarios dos montes.

Igualmente, o servizo de Prevención de Incendios superou os 6 millóns de investimento -excluídos os labores propios de extinción- en tarefas de mantemento dos montes públicos, axudas a montes veciñais e SOFOR ou convenios cos concellos para a creación das brigadas, actuación de motobombas e rozas mecánicas.

Por último, no apartado de calidade agroalimentaria outorgáronse 10,7 millóns de euros en axudas, e o servizo de apoio gandeiro xestionou 1,5 millóns de euros para as Agrupacións de defensa sanitaria, axudas a apicultores, reposición de animais sacrificados por campañas, baleiros sanitarios e indemnizacións por sacrificios obrigatorios.

0.1810507774353