Medio Rural visita unha gandaría en Friol e defende a excelencia dos produtos agroalimentarios galegos

LugoXa | TerraChaXa
O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria asistiu tamén a unha nova xornada do curso formativo sobre inseminación artificial de bovinos
alemparte-visita-friol
25 Jun 2026

O director da Axencia Galega da Calidade Alimentaria da Consellería do Medio Rural, Martín Alemparte, mantivo hoxe unha reunión de traballo con representantes de Lanzán Ganadería para analizar posibles liñas de colaboración orientadas a seguir avanzando na excelencia dos produtos agroalimentarios galegos. Esta empresa é un caso único en Galicia ao reunir nun mesmo produto a certificación de Ternera Gallega Suprema dentro da IXP Ternera Gallega, e a produción ecolóxica, dous selos que identifican os máis altos estándares de calidade, trazabilidade e sustentabilidade.

Durante o encontro analizouse a posibilidade de impulsar iniciativas de investigación e innovación orientadas ao desenvolvemento de novos produtos elaborados con Ternera Gallega Suprema. O obxectivo é responder ás novas tendencias de consumo, diversificar a oferta e incrementar o valor engadido dunha das producións cárnicas de maior calidade de Galicia. O director destacou que “a excelencia dos produtos galegos constrúese mellorando de forma continua”. Neste sentido, engadiu que a calidade diferenciada non remata na produción da materia prima; “tamén debe traducirse en innovación, novos produtos e novas oportunidades para xerar máis valor para o conxunto da cadea agroalimentaria”.

Curso formativo sobre inseminación artificial bovina

A maiores, o director asistiu hoxe a unha nova xornada do curso de inseminación artificial de bovinos que se está impartido no mercado gandeiro de Friol, impulsado pola Consellería do Medio Rural. A través deste tipo de iniciativas promóvese a innovación e a sostibilidade do sector primario galego.

Este curso estase a desenvolver ao longo desta semana, con formación teórico-práctica, e busca favorecer a mellora xenética da cabana gandeira, a rendibilidade das explotación e o benestar animal. Cómpre salientar que, neste 2026, a Consellería do Medio Rural impartirá a través do seu Plan de formación para o agro galego un total de 196 accións formativas, 27 máis que o ano pasado, que supoñen máis de 4.500 horas lectivas. Con estes cursos trátase de achegar a formación máis punteira ao sector e adaptala ás necesidades actuais de cada territorio, así como xerar unha relación profesional entre as futuras persoas profesionais.

0.12103581428528