Medio século de ilusión

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga
10 Jan 2022

Por Pablo Veiga

Custa imaxinarse aqueles intrépidos e inquietos homes que alá a principios dos setenta romperon os miolos para crearen en Begonte, a carón da vella nacional sexta, un belén electrónico. Nuns tempos nos que a modernidade e o progreso eran, polo xeral, alleos a aquela Galicia profunda, pero viva, un crego, don José, e un argalleiro emprendedor, José Rodríguez Varela, foron quen de de darlle vida ao nacemento do Neno Xesús.

Un lembra de neno a tradicional visita do colexio ás instalacións onde contemplabamos en apenas uns minutos como o día se transformaba en noite, o sol daba paso á chuvia e á neve, mentres aquelas figuras que representaban os oficios tradicionais do País non paraban de moverse. O Ferreiro, o zoqueiro, os pastores coidando o seu gando, labregos sementando, leñadores serrando na madeira ou a muller amasando no pan, atendían o seu lerio a carón do presebe onde o fillo de Deus, acompañado dos seus pais, un boi e unha mula que lle daban calor, agardaba pola chegada dos Reis Magos de Oriente, que viñan nos seus camelos para adoralo. A maxia embaucaba a pequenos e a grandes por igual, hai cincuenta anos, vinte e cinco, dez e tamén no día de hoxe.

O resultado daquela brillante iniciativa constatábase nadal a nadal cos milleiros de visitantes que se achegaban a Begonte para contemplar o belén. Cada edición era distinta á anterior, pero ao mesmo tempo moi parecida, xa que todo estaba inventado. Begonte foi coñecido no resto de Galicia, identificando o municipio co seu belén electrónico. Foron ducias os artistas e creadores premiados nos distintos certames de poesía, xornalismo ou arte e moitos máis os participantes nos mesmos. Os medios de comunicación facíanse e fanse eco do acontecemento, sendo un clásico nesta época do ano.

Co paso do tempo xurdiron imitacións noutras localizacións, moi meritorias todas elas, mais se existe un belén electrónico con galóns, ese é o de Begonte. Cincuenta anos é toda unha vida, pero na historia da Humanidade non supón máis ca un suspiro. Chegar á idade da madurez cunha saúde de ferro ten o seu aquel, polo que todos os que dunha ou doutra maneira participan na continuidade deste milagre en plena Terra Chá, merecen un gran recoñecemento pola súa laboura. Os últimos dous anos están a ser complexos e difíciles pola situación que condiciona a vida de toda a sociedade, supoñendo todo un desafío á hora de dar resposta a unha realidade que nos supera amplamente.

Virán tempos mellores, ou incluso tan malos ou peores cós actuais. E abofé que o belén electrónico de Begonte seguirá abrindo a súas portas un ano máis, a carón da nacional sexta, para que persoas, familias e grupos chegadas de moi pretiño ou de lonxe, contemplen como tras da noite chega o día e as figuras vólvense mover.

As vodas de ouro tiveron lugar. A partir de agora, o reto é chegar ás de platino coa forza e ilusión que caracterizan esta obra de arte que leva medio século entre nosoutros.

0.16850590705872