Morte en soidade

TerraChaXa
Un titular nos medios de comunicación dos que en principio poden ata causar risa: “Un ladrón escapa despavorido ó atoparse co cadáver momificado do propietario da vivenda na que entrara a roubar.
Pablo Veiga
3 Aug 2017

Un titular nos medios de comunicación dos que en principio poden ata causar risa: “Un ladrón escapa despavorido ó atoparse co cadáver momificado do propietario da vivenda na que entrara a roubar..”. O avispado amigo do alleo, presa do pánico, descendeu as escaleiras de tres en tres chanzos fuxindo do lugar, continuaba a crónica.

Pero a noticia, evidentemente non pode xerar ningún tipo de reacción positiva. Por un lado, un home novo que, polas circunstancias que sexan, decide entrar na vivenda doutro para roubalo. En segundo termo, o verdadeiramente importante deste asunto, un señor nonaxenario que levaba morto varios meses no seu piso sen que ninguén soubese nada, xa que co seu único fillo apenas mantiña relación con el e ademais rexeitara a axuda dos servizos sociais de proximidade. Isto aconteceu no concello de Cambre, no entorno da cidade da Coruña.

Dúas semanas antes, no municipio colindante, Culleredo, aparecía unha muller morta na súa vivenda, esta con só 56 anos de idade, que evidentemente non convivía con ninguén nin tiña familiares próximos, nin quen a botase en falta e que se calculaba entorno ós sete anos o tempo que levaba falecida. E descubrírona porque se esgotara a conta bancaria onde pagaba o aluguer. O coche da señora, inmóbil na súa praza de garaxe todo este tempo, cuberto de po, non foi pista suficiente para sospeitar que algo raro lle puidera ter pasado.

Son estes dous exemplos dunha realidade que estamos a vivir na sociedade actual, os numerosos fogares onde reside unha soa persoa, feito que se dá na Galicia Rural, pero tamén cada vez con maior frecuencia nas áreas urbanas. E o preocupante é que moitas desas vivendas unipersoais son ocupadas por homes ou mulleres de idade avanzada, que eran válidas ata que deixan de selo ou simplemente non están en óptimas condicións de vivir cunhas mínimas garantías sen apoio externo. Un verdadeiro problema que non resulta doado resolver. É obvio que a liberdade de cada quen de vivir como lle pareza debe respectarse, aínda que a veces as circunstancias adversas son as que condicionan o estilo de vida que un leva.

Reflexión atinada da presidenta do colexio de traballadores sociais de Galicia, na que sinala a necesidade de establecer protocolos para previr este tipo de dramáticos finais, morrer en completa soidade na propia casa sen que ninguén repare nelo. Considerando as opcións individuais, cómpre velar pola calidade de vida e dignidade daqueles que poden estar en situación de vulnerabilidade. A intervención desde os servizos sociais e médicos resulta vital á hora de detectar situacións de risco, sobre todo no colectivo da terceira idade. Existen numerosos recursos como a teleasistencia domiciliaria e servizos de xeolocalización, a axuda no fogar para atencións persoal e doméstica, ademáis de centros de día e de noite que poden dar cumprida resposta ás necesidades que presente este sector da poboación.

Semella un fracaso do conxunto da comunidade que se produzan novas como as citadas, que se descubran dous cadáveres na propia morada, un de noventa anos porque un caco pretendía roubalo, outro de apenas sesenta porque xa non tiña diñeiro en conta para pagar os recibos.

Pablo Veiga.

0.17123603820801