Muimenta prepárase para a Festa da Filloa deste venres

TerraChaXa
A organización e as autoridades das administracións colaboradores presentaron unha nova edición desta popular celebración
presentacion-festa-da-filloa-2026
28 Apr 2026

A Festa da Filloa de Muimenta volverá celebrarse este venres, 1 de maio, no recinto feiral Manuel Vila da localidade na que é a 35 edición desta cita, que conta coa declaración de Interese Turístico de Galicia desde o ano 2008. A organización e as autoridades das administracións colaboradores presentaron unha nova edición desta popular celebración, durante a que se puideron degustar algunhas das filloas de Sensa Anllo e Paula Francos.

O programa do día 1 desenvolverase a partir das 7.30 horas, cndo entrarán no recinto as filloeiras e filloeiros, que xunto cos membros da organización traballan de forma voluntaria durante a xornada. Este ano, desde as 8.00 horas estará comezando a facer filloas a máquina de Lestedo e as filloeiras e filloeiros comezarán o seu traballo a partir das 9.00.

A Festa da Filloa de Muimenta volverá contar este ano cun gran número de actividades que se desenvolverán a partir das 10.00 horas, cando se abrirá a exposición de traxe tradicional e cantería do Centrad nas oficinas do Recinto feiral.

Os actos oficiais serán a partir das 13.30 coa inauguración oficial seguida da lectura do pregón que estará a cargo do periodista David Valverde Cabaleiro. Seguidamente entregaranse os premios do concurso de relato e debuxo e farase unha visita polas instalacións, para rematar co xantar no pavillón.

Entre os actos da programación figura un taller de marroquinería, a cargo Adriana Romaní Posse, en colaboración coa Área de Cultura, Patrimonio Histórico Artístico e Normalización Lingüística da Deputación Provincial de Lugo, a partir das 15.30 horas. Completarase a programación con actividades de agility con cans levadas a cabo por Tephira.

MÚSICA

Non faltará un completo abano musical para animar a xornada. Está prevista a actuación da Escola de música e baile tradicional de A Pastoriza  á 11.15 horas e de Cántigas e Frores ás 12.00. Unha hora despois, a sesión vermú estará a cargo de Cosmedeejay (Eventec Discomóvil), que se retomará a partir das 14:00 horas e que tamén clausurará o día ás 19.30 horas.

Pola tarde está prevista a actuación de Pandeireteiros do Inferno, ás 17.15 e de Os do Campo, ás 18.30 horas.

A directiva de Xotramu abrirá o Museo da Zoca e a Escola Vella para todas aquelas persoas que desexen visitalos, así como a mostra E ti de onde vés sendo?.

A Festa da Filloa continuará a reforzar a colaboración con outras festas gastronómicas da provincia de Lugo. Neste contexto, a organización convidou a diferentes eventos gastronómicos a participar na xornada do vindeiro 1 de maio. Entre eles atópase a XLVI Feira do Viño de Amandi, do Concello de Sober, que estará representada polas adegas Ágeda Gullufre e Vividade, ambas recoñecidas co primeiro premio en tintos da última colleita. A súa presenza prodúcese tras a visita realizada o pasado 11 de marzo por filloeiras de Muimenta á Ribeira Sacra.

Tamén participará a XXXII Festa do Queixo e Pan de Ousá, do Concello de Friol, outra celebración recoñecida como Festa de Interese Turístico de Galicia. Neste caso, estarán presentes a Panadería Casa Grande, representada por María José Varela Simón, e o produtor de queixo Óscar Santos Buján.

A iniciativa complétase coa presenza doutras citas gastronómicas da provincia, como a VII Festa da Enfariñada de Trabada, que se celebrará o 3 de maio, e a V Festa Degustación do Requeixón de Vilamartín Pequeno, no municipio de Barreiros. Esta última, impulsada pola Asociación Cultural e de Festexos Terras de Vilamartín desde o ano 2022, busca poñer en valor o requeixón como produto tradicional ligado á cultura culinaria galega e á produción láctea local.

CONSULTA O PROGRAMA COMPLETO NESTE ENLACE

OS DETALLES

  • Conta cun orzamento de 30.000 euros.
  • Estímanse que se porán á venda unhas 18.000 filloas ao longo de toda a xornada.
  • Este ano volverá haber filloas sen gluten.
  • Haberá unha exposición de artesanía e produtos de calidade.
  • En total haberá 145 colaboradores, dos que 66 son filloeiros.
  • Haberá unha máquina de facer filloas de Lestedo.
  • Repartiranse os premios do concurso de debuxo no que participaron máis dun cento de traballos dos colexios de Vilalba, Castro de Rei, Castro Ribeiras de Lea, Cospeito, Meira, Abadín e Muimenta.
  • A ración de media ducia de filloas terá un prezo de 5 euros e a ración de churrasco, chourizo, pan, viño, auga, queimada e café será de 13 euros.
  •  O público asistente poderá facer unhas pranchadas de filloas
  • Haberá degustación de filloas con nocilla, nata ou mel.
  • O programa Un Gusto de Rural, un Rural Degusto, que ofrecerá ás persoas asistentes unha degustación de xamón curado de porco celta da gandería Porco Celta de Outeiro.
programa-festa-da-filloa
0.13022899627686