Muras organizará unha xornada de observación da eclipse total de Sol e das Perseidas no Alto da Curuxeira

TerraChaXa
A programación gratuíta incluirá seguimento en directo do fenómeno astronómico, unha charla divulgativa e actividades de observación nocturna
Muras-eclipse
11 Aug 2026

O Alto da Curuxeira, en Muras, converterase este 12 de agosto nun dos puntos de referencia para seguir a eclipse total de Sol e a posterior choiva de estrelas das Perseidas grazas a unha programación divulgativa organizada polo Concello de Muras.

A iniciativa desenvolverase ao longo de toda a xornada e estará guiada por Marcos López Alonso, coordinador da sección de Astronomía da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN), que ofrecerá explicacións en directo durante a eclipse e orientará ao público para realizar unha observación segura do fenómeno.

Tras a eclipse, a programación continuará cunha charla divulgativa sobre as Perseidas, tamén coñecidas como bágoas de San Lourenzo, así como cunha actividade de identificación de constelacións aproveitando a chegada da noite.

Muras, recoñecido como destino de observación astronómica co selo Starlight, busca aproveitar un acontecemento excepcional para achegar a astronomía ao público e fomentar o interese pola observación do ceo.

As actividades serán gratuítas e abertas a todas as persoas interesadas. Desde o Concello recomendan acudir con roupa de abrigo, auga e comida para poder participar durante toda a xornada ata a observación nocturna.

A programación conta co apoio da Vicepresidencia da Deputación de Lugo.

0.14360308647156