No balance diario do coronavirus a atención está en catro casos novos en Vilalba

TerraChaXa
A cifra de casos de coronavirus activos na área Sanitaria de Lugo mantense estable en 160, tal e como avanzou hoxe o Sergas.
covid 19 (1)
17 Xul 2020

A cifra de casos de coronavirus activos na área Sanitaria de Lugo mantense estable en 160, tal e como avanzou hoxe o Sergas. Os datos polo tanto reflicten tres novos casos, os tres de Vilalba, que contrarrestan outras tantas altas dadas durante a xornad ade onte.

O resto de infectados, 155, recupéranse nos seus domicilios. Desde o inicio do plan de continxencia do Covid-19 curáronse na provincia 1.035 pacientes (tres máis que o xoves) e faleceron por este virus na área sanitaria 28 persoas.

Nas últimas horas reduciuse noutros dous o número de casos activos relacionados co brote de covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña. Das 91 PCR realizadas nesta última xornada, dúas resultaron positivas. A maiores, nas últimas horas, outras catro persoas positivas en Covid-19 foron dadas de alta tras curarse e superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 138, é dicir, dous menos ca onte. Dende o inicio do brote e ata o día de hoxe son máis de setenta as persoas afectadas por Covid-19 e vencelladas ao brote que xa están curadas e foron dadas de alta.

Polo de pronto, a situación na Mariña dase por controlada, onde os concellos, agás Burela, recuperaron a mobilidade a as normas da nova normalidade. No Concello burelés esperan poder recuperar esa situación a próxima semana debido á positiva evolución do virus.

A atención está agora posta en Vilalba, onde foron diagnosticados tres casos na xornada de onte que pasaron a ser catro esta mañana, todos eles vinculados entre si. O Concello xa tomou medidas de precaución e lembra á poboación a necesidade de manter as distancias e o uso continuado de máscaras.

GALICIA

Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 224, deles 27 son da área da Coruña, 160 da de Lugo, 4 da de Ourense, 8 da de Pontevedra, 17 da área de Vigo, 7 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 217 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 11.034 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

Dentro do total de casos rexistrados en Galicia hai un vinculado con residencias de maiores, que corresponde a un traballador dun centro de Burela, mentres os xeriátricos seguen sen usuarios infectados.

Sanidade apunta que, ata a data, curáronse en Galicia 11.034 persoas, 16 máis que a xornada anterior, e faleceron 619 pacientes con Covid. A última vítima foi notificada o 10 de xuño, que se corresponde cun home de 83 anos que estaba ingresado no Complexo Hospitalario Universitario de Vigo. Do total, 274 estaban vinculadas con residencias.

0.18394017219543