Nova baixada de casos activos de covid-19 na provincia

TerraChaXa
O brote de coronavirus segue en descenso ao reducirse os casos activos novamente ata chegar a 171, 12 menos que onte.
covid 19 (2)
15 Xul 2020

O brote de coronavirus segue en descenso ao reducirse os casos activos novamente ata chegar a 171, 12 menos que onte. Este dato lógrase tras darse 13 altas o que implica un caso novo. O foco principal segue a estar na Mariña e concretamente en Burela, que permanecerá con medidas restrictivas no movemento da súa poboación, mentres se reabre ao turismo no resto de concellos da comarca.

Dous dos infectados continúan ingresados no Hospital Público da Mariña, cunha "evolución favorable".

Nas últimas horas reduciuse noutros 12 o número de casos activos relacionados co brote de covid-19 que afecta ao distrito sanitario da Mariña. Das 80 PCR realizadas nesta última xornada tan só unha foi positiva. A maiores, nas últimas horas, un total de 13 persoas positivas en Covid-19 foron dadas de alta tras curarse e superar a enfermidade, o que deixa o número de casos activos en 151, é dicir, 12 menos ca onte. Dende o inicio do brote e ata o día de hoxe son máis de sesenta as persoas afectadas por Covid-19 e vencelladas ao brote que xa están curadas e foron dadas de alta.

GALICIA

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 238 deles 26 son da área da Coruña, 171 da de Lugo, 4 da de Ourense, 7 da de Pontevedra, 14 da área de Vigo, 15 da de Santiago, e 1 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 1 permanece en UCI, 6 están en unidades de hospitalización e 231 no domicilio. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.979 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

Os datos do Servizo Galego de Saúde volven reflectir un día máis a melloría paulatina nas cifras de casos activos de coronavirus na área lucense. A situación parece ir perdendo forza despois de varias semanas de crecemento constante.

Con todo, mentres os casos activos volven caer na área de Lugo, esta é a única das sete áreas galegas que hoxe arroxa cifras negativas, xa que mentres A Coruña e Vigo soben, as outras áreas móstranse inalterables nos seus índices.

0.17901706695557