O baloncesto incorpórase ás Escolas Deportivas Municipais de Guitiriz

TerraChaXa
A nova actividade chegará ao curso 2026/2027 da man do programa 'Máis Básket no Rural', impulsado pola Fundación Breogán
GUITIRIZ escolas deportivas baloncesto
27 Jun 2026

As Escolas Deportivas Municipais de Guitiriz ampliarán a súa oferta para o curso 2026/2027 coa incorporación do baloncesto, unha nova disciplina que se desenvolverá grazas á colaboración entre o Concello e o programa 'Máis Básket no Rural', promovido pola Fundación Breogán.

A iniciativa permitirá que as nenas e nenos inscritos nas escolas participen en adestramentos semanais dirixidos por técnicos da Fundación Breogán. Ademais, o programa incluirá actividades formativas e experiencias relacionadas co Club Baloncesto Breogán, co obxectivo de achegar este deporte ao rural e fomentar a súa práctica desde idades temperás.

Coa incorporación do baloncesto, o Concello reforza unha programación deportiva que cada ano reúne un elevado número de participantes e que busca ofrecer alternativas para diferentes idades e intereses.

O concelleiro de Deportes, Iván Morado, destacou que esta nova modalidade contribúe a ampliar a oferta deportiva municipal e facilita que a rapazada poida iniciarse en novas disciplinas sen necesidade de desprazarse a outros concellos.

O Concello informou de que nas próximas semanas presentará de maneira completa a programación das Escolas Deportivas Municipais para o curso 2026/2027, na que se darán a coñecer os detalles da actividade e o proceso de inscrición.

0.13053488731384