O brote de covid-19 da Mariña esténdese á cidade de Lugo e a Asturias

TerraChaXa
O número de casos activos de coronavirus deu un novo salta cara arriba na área sanitaria de Lugo ao rexistrarse doce casos máis ca onte tras o brote detectado na Mariña.
covid 19 (6)
2 Xul 2020

O número de casos activos de coronavirus deu un novo salta cara arriba na área sanitaria de Lugo ao rexistrarse doce casos máis ca onte tras o brote detectado na Mariña. Deste xeito xa son 64 os casos activos en toda a provincia. Aumenta tamén o número de hospitalizados xa que hai tres persoas, dúas delas no Hospital Público da Mariña e outra máis no Hula.

Do 64 casos en activos, 47 están vinculados ao brote da Mariña, brote que vén de estenderse a Lugo, onde se rexistrou o primeiro positivo, e ao occidente de Asturias con outro máis. A maioría son asintomáticos ou presentan síntomas de carácter leve.

Unhas 500 persoas permanecen confinadas nas súas casas para cumprir unha corentena obrigatoria de 14 días. Son illados non só os pacientes que dan positivo nas probas senón tamén aqueles a quen se lle fai e dan negativo xa que poden desenvolver síntomas con posterioridade. A Consellería de Sanidade segue a investigar posibles contactos dos novos positivos que van xurdindo.

Ata o momento, o número de falecementos continúa estable en 28 persoas e foron dados de alta 925 persoas o que fai un total histórico de casos de 1.017.

En canto a Galicia, o número de casos activos de coronavirus aumentou ata os 317 este xoves –catro máis que na xornada do mércores–, mentres que as persoas curadas incrementáronse ata as 10.649, o que supón 16 máis.

A Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade informa que, na última actualización, o número de casos activos de coronavirus en Galicia é de 317, deles 73 son da área da Coruña, 64 da de Lugo, 18 da de Ourense, 6 da de Pontevedra, 122 da área de Vigo, 24 da de Santiago, e 10 da de Ferrol.

Do total de pacientes positivos, 4 están en unidades de hospitalización e 313 no domicilio. Non hai pacientes positivos en UCI. Polo de agora, en Galicia hai un total de 10.649 persoas curadas, rexistrándose 619 falecementos.

 

0.1432569026947