O Colectivo Patrimonio dos Ancares pide protexer e poñer en valor unha histórica fonte de Tardade

TerraChaXa
A fonte está construída con sillares de granito de boa factura e presenta un arco lixeiramente apuntado, un elemento arquitectónico característico do gótico que comezou a empregarse na Baixa Idade Media
tardade-fonte-medieval
31 Jul 2026

O Colectivo Patrimonio dos Ancares solicitará ao Concello de Vilalba e á Dirección Xeral de Patrimonio Cultural da Xunta de Galicia a protección e posta en valor da fonte de Portomedroso, situada xunto á capela da Anunciación, na parroquia de Tardade. A entidade considera que este enclave reúne un destacado valor histórico, etnográfico e patrimonial, ao conservar unha singular fonte tradicional vinculada á memoria popular e á posible existencia dun antigo mosteiro medieval.

A fonte está construída con sillares de granito de boa factura e presenta un arco lixeiramente apuntado, un elemento arquitectónico característico do gótico que comezou a empregarse na Baixa Idade Media, aínda que tamén perdurou posteriormente na arquitectura popular. Na parede do fondo consérvase unha peaña onde, segundo todo indica, estivo colocada unha imaxe relixiosa.

Segundo a tradición oral recollida polo colectivo, a fonte foi durante décadas un lugar moi concorrido polas propiedades curativas que se lle atribúen ás súas augas, especialmente para eliminar as verrugas. O costume indicaba que o remedio só era efectivo se a persoa se lavaba coa auga durante nove días consecutivos. Ademais, o manancial tamén era empregado antigamente como lavadoiro, función da que aínda quedan testemuñas nas tres grandes laxas inclinadas situadas sobre o rego que nace da propia fonte.

A relevancia histórica do lugar podería ir máis alá. O Colectivo Patrimonio dos Ancares lembra que existen referencias á posible existencia dun mosteiro nas inmediacións. A primeira delas procede do escritor e historiador vilalbés Manuel Mato Vizoso, membro da Real Academia Galega, quen antes da súa morte, en 1909, realizou un debuxo dunhas pedras no que anotou a lenda "Tardade. Ruinas del monasterio de San Juan". Posteriormente, os investigadores Francisco González Peteira e José Manuel Abel Expósito tamén recolleron información sobre a existencia dese antigo edificio monacal.

A asociación destaca que, aínda que no municipio de Vilalba só existe documentación que acredita a existencia dun mosteiro na parroquia de Mourence, citado nun documento conservado no Arquivo de Simancas datado o 5 de outubro de 1486, diversos indicios reforzan a hipótese da presenza doutro cenobio en Tardade.

Entre eles figura o testemuño da tesoureira da Asociación Veciñal de Tardade, que relata que hai anos apareceron nunha finca próxima á capela varios sillares de pedra de gran calidade que, segundo a tradición, pertencían ao antigo mosteiro e que posteriormente foron reutilizados na construción dunha vivenda particular. Tamén asegura que as campás do cenobio foron lanzadas ao río Trimaz e que nas proximidades da fonte apareceron antigas tumbas formadas por laxas de pedra.

Desde a asociación veciñal denuncian, ademais, que levan anos solicitando ao Concello a recuperación e posta en valor deste espazo sen obter resultados, máis aló de compromisos verbais. Mentres tanto, son os propios veciños os que se encargan de manter limpa a contorna da fonte e libre de maleza.

Ante esta situación, o Colectivo Patrimonio dos Ancares remitirá un escrito ao Concello de Vilalba para reclamar actuacións que permitan conservar e divulgar este enclave, ao tempo que presentará outra solicitude ante Patrimonio da Xunta de Galicia para que a fonte sexa incorporada aos catálogos oficiais, xa que actualmente non figura nos visores patrimoniais do Plan Básico Autonómico nin no de Aproveitamentos Forestais. A entidade considera que se trata dun espazo singular que debe ser protexido tanto polo seu valor histórico como pola riqueza etnográfica e pola memoria popular que conserva.

0.1265811920166