O Concello de Begonte impulsa un curso de mindfulness para promover estilos de vida saudables

TerraChaXa
O programa incluirá tamén técnicas de atención plena e meditación orientadas a mellorar a concentración e o equilibrio mental
curso-de-estilos-de-vida-saudables
2 May 2026

O Concello de Begonte, en colaboración coa Escola Galega de Saúde, organiza un obradoiro sobre mindfulness e estilos de vida saudables que terá lugar o vindeiro luns 11 de maio ás 16.30 horas na Casa da Cultura.

A actividade está dirixida a fomentar hábitos saudables e mellorar o benestar persoal a través do coñecemento do impacto do estilo de vida no equilibrio emocional e na relación coa contorna. Durante a sesión abordaranse aspectos clave do autocoidado, como a actividade física, a alimentación, a xestión do estrés e da resiliencia, o sono, as adiccións e a regulación das emocións.

O programa incluirá tamén técnicas de atención plena e meditación orientadas a mellorar a concentración e o equilibrio mental, así como contidos relacionados con estilos de vida que favorecen a lonxevidade e a calidade de vida.

O obradoiro será impartido por Orlando Blanco Iglesias, técnico do Servizo de Estilos de Vida Saudables e Educación para a Saúde da Consellería de Sanidade.

As persoas interesadas poden inscribirse a través do correo electrónico deportes@concellodebegonte.es, no teléfono e WhatsApp 619 455 026, ou de maneira presencial no propio Concello.

0.11476588249207