O Concello de Guitiriz intenta solucionar con Retegal a incidencia no servizo de televisión en Parga

TerraChaXa
O Goberno local tivo coñecemento da falta de sinal a través das comunicacións realizadas pola propia veciñanza
television-recurso
16 Jul 2026

O Concello de Guitiriz quere informar á veciñanza sobre a incidencia rexistrada no servizo de televisión en Parga durante a pasada fin de semana.

O Concello tivo coñecemento da falta de sinal a través das comunicacións realizadas pola propia veciñanza. Na mañá do luns, a primeira hora, púxose en contacto con Retegal, entidade responsable da xestión, mantemento e reparación deste servizo, para trasladarlle a incidencia e solicitar a súa resolución coa maior rapidez posible. O prazo de resposta establecido por Retegal é de ata 48 horas.

Aínda que inicialmente indicaron que se porían en contacto co Concello, esta comunicación non se produciu ata a tarde do martes. Ese mesmo día, persoal de Retegal desprazouse ata a zona para avaliar a avaría, pero non foi posible reparala nese momento, comprometéndose a continuar cos traballos proximamente.

Durante todo o proceso, o Concello de Guitiriz mantivo un contacto constante con Retegal, insistindo na necesidade de resolver a incidencia canto antes. Finalmente, na xornada deste mércores, os técnicos volveron á instalación e conseguiron restablecer o servizo ao mediodía.

O Concello quere deixar claro que a responsabilidade do mantemento, reparación e correcto funcionamento desta infraestrutura corresponde exclusivamente a Retegal. A Administración local non ten competencias para intervir directamente na reparación da antena, máis alá de comunicar a incidencia, realizar o seu seguimento e reclamar unha solución.

Así mesmo, o Concello lembra que nos últimos anos levou a cabo diferentes actuacións de mellora na antena co obxectivo de favorecer unha mellor recepción do sinal na zona, dentro das posibilidades das que dispón. Porén, as tarefas de mantemento e reparación continúan sendo competencia exclusiva de Retegal.

O Concello de Guitiriz lamenta as molestias ocasionadas á veciñanza durante estes días e seguirá trasladando a Retegal todas as incidencias que se produzan, esixindo unha resposta áxil e eficaz para garantir un servizo de calidade.

0.14169979095459