O CPI Virxe do Monte fai medio século

TerraChaXa
A directora do centro, Carmen Sánchez Domínguez, relata como será esta celebración tan especial
cpi-virxe-do-monte-cospeito1
10 Nov 2024

O CPI Plurilingüe Virxe do Monte, en Cospeito, está a piques de celebrar o seu 50 aniversario cunha xornada especial o 16 de novembro de 2024. Este medio século de historia será conmemorado cun programa repleto de actividades dirixidas á comunidade educativa e ao público en xeral.
Entre as propostas destacadas están as exposicións de fotos realizadas polos alumnos e unha mostra de obxectos históricos que percorren a traxectoria do centro desde a súa fundación en 1974.

A celebración incluirá tamén un xantar popular que se realizará no propio centro. Os interesados poderán recoller os seus tíckets ata o 8 de novembro. O prezo para adultos é de 32 euros, mentres que para os nenos de 5 a 9 anos será de 16 euros, sendo gratuíto para os menores de 4 anos.
A festa contará coa actuación musical do Grupo Fénix e haberá inchables para o desfrute dos máis pequenos, garantindo un ambiente de festa e entretemento para todas as idades.

Este aniversario representa unha ocasión especial para recoñecer o labor educativo do CPI Plurilingüe Virxe do Monte e para reunir a diferentes xeracións que formaron parte da súa historia ao longo destes 50 anos.

Carmen Sánchez Domínguez, directora do centro, relata como será esta celebración.

Que hai no programa?

A festa será o día 16 de novembro e comezamos cunha exposición de fotos antigas do alumnado e profesorado (saídas e excursións, así como actividades varias); tamén haberá unha exposición no edificio de dirección de obxectos e material que se utilizaban a partir dos anos 80. Farei un discurso e, posteriormente, o alcalde Armando Castosa Alvariño. O acto principal será o xantar de celebración no centro, amenizado polo grupo Fénix e inchables para os máis pequenos.

Que cambios máis destacados se produciron nestes 50 anos de vida do centro?

Principalmente, os cambios no sistema educativo, porque pasamos de ser un centro de EXB a un CPI (centro público integrado, que reúne a alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria). Nun principio, o noso CPI tiña cerca de 600 alumnos e alumnas e pasados os anos decreceu considerablemente ata chegar actualmente a 224. A nivel xa máis de infraestrutura, tamén tivemos cambios estruturais nos diferentes espazos como a biblioteca, o comedor, o patio de infantil e a cuberta da pista de fútbol, entre os máis destacados.

Que características ten este centro a nivel educativo ou de organización?

Ao ser CPI, temos 3 etapas educativas diferentes, Infantil, Primaria e a ESO. Son alumnos con idades moi diferentes que conviven todos no mesmo centro, isto fai que poidamos crear lazos de solidariedade e axuda entre os maiores e os máis pequenos (aínda que o horario de clases non coincida). Intentamos realizar celebracións onde todos eles poidan compartir valores de convivencia e respecto. Polo que se refire ao paso de Primaria a Secundaria faise máis sinxelo, e sen tanta incerteza, xa que coñecen o centro e seguen cos mesmos compañeiros, aínda que sempre temos novas incorporacións.

Canto profesorado teñen?

Temos 31 profesores en total, destes, 5 residen no concello de Cospeito e o resto maioritariamente en Lugo e Vilalba.

Ademais do ensino propiamente dito, teñen actividades de convivencia coa comunidade?

Ao longo do curso facemos diversas actividades de convivencia, tanto organizadas conxuntamente cos distintos departamentos do concello, como actividades nas que o alumnado convive cos nenos/as da gardería municipal, convivencias interxeracionais cos usuarios do Centro de día, Vila de Valverde, diferentes reunións cos equipos de biblioteca dos centros educativos da zona, xa que acábase de crear unha microrrede entre elas, así mesmo colaboramos coa asociación veciñal de Pino, doando multitude de exemplares procedentes da nosa biblioteca. Os martes de 16:00 a 18:00 horas a biblioteca está aberta para todas as familias do no noso CPI. Tamén realizamos intercambios entre alumnado doutros centros, entre outras accións.

Cales son os proxectos de futuro?

Nun futuro pretendemos darlle continuidade a todas estas actividades, así como introducir a radio na escola, a través do noso equipo da biblioteca e seguir traballando valores medioambientais na horta escolar e na reciclaxe de residuos, incluíndo a compostaxe.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.040389060974121