O éxito do humilde

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa | LugoXa | AMariñaXa
Coa nosa VOZ, artículos do escritor Pablo Veiga, que trata os temas de actualidade cun toque persoal e atentendo a esta provincia.
Pablo Veiga foto 2022
Pablo Veiga foto 2022
21 ago 2023

Por Pablo Veiga

A primeira fin de semana de xullo tivo lugar o vixésimo oitavo Festival do Río Castro, en Narahío, unha das sete parroquias que forman o concello de San Sadurniño, a carón das Pontes en dirección a Ferrol, termo municipal de apenas cen quilómetros cadrados que atravesaron ducias de homes chairegos hai varias décadas para traballar nos esteleiros, buscando un mellor porvir para eles e as súas familias.

Podería deducirse que estamos a falar dun evento moi semellante a outros moitos que teñen lugar pola xeografía galega na época estival, mais cómpre darlle o valor que merece. En primeiro termo, que un lugar con medio milleiro de veciños leve organizando un festival de música durante case trinta anos, resulta de un mérito a destacar. É todo un éxito, sen lugar a dúbidas, o resultado acadado ano tras ano. En segundo lugar, a innovación que supuxo a presentación que levou a cabo a asociación veciñal, dándolle relevancia aos dous bares que continúan abertos na parroquia, con cadansúa actuación musical. Respecto ás actividades programadas, durante toda unha xornada teñen lugar desde a inicial sesión vermú ata xogos para nenos e competicións de deportes rurais, finalizando coa verbena onde o protagonismo teno a música tradicional galega coa presenza de varios grupos. E por suposto, non se pode esquecer que é unha romaría campestre onde por parte dos participantes dan conta de deliciosas merendas ao longo da tarde.

O festival celébrase nun entorno de evidente beleza paisaxística, a carón do río Castro, de aí o nome, que no seu descorrer pola zona pódense observar pozas e rápidos, ademais dunha espectacular fervenza, a cal co salto de auga duns seis metros de altura chama a atención do visitante. E ninguén debería marchar de Narahío sen achegarse ao seu Castelo, unha construción da que se descoñece exactamente cando foi realizada, que atesoura unhas reminiscencias históricas moi importantes, xa que foi obxecto das revoltas Irmandiñas no século XV, polas cales foi destruído, aínda que posteriormente fora erguido de novo. Finalmente, desde 1603, segundo consta, sería abandonado de maneira definitiva, utilizando as súas pedras para construír tanto as casas de arredor como a propia presa e a mini central hidroeléctrica que se atopa no río. Na actualidade, este monumento que foi declarado como Ben de Interese Cultural, mantén a Torre da Homenaxe, á cal se pode ascender, desfrutando dunhas fantásticas vistas.

Pois nesta espectacular contorna, desde os anos oitenta, a veciñanza de Narahío organiza este festival ao que non só acoden xentes de San Sadurniño e da bisbarra, senón doutras partes de Galicia. É un exemplo no que o entusiasmo dos lugareños, a súa implicación e compromiso, así como o amor polo propio, con humildade pero con ambición, xere esta realidade que cumpriu vinte e oito anos. De aí que merezan aplauso e recoñecemento á labor desenvolvida durante todo este tempo. Grazas persoas como elas, esa Galicia que perde poboación e que se avellenta permanece viva e chea de dignidade.

Xa falta menos para XXIX e alí estaremos.