O GDR de Galicia traballan nun plan de reactivación económica

TerraChaXa
O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse por videoconferencia con representantes dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia.
mapa_gdr_17_2
29 Maio 2020

O conselleiro do Medio Rural, José González, reuniuse por videoconferencia con representantes dos grupos de desenvolvemento rural (GDR) de Galicia. Na xuntanza, na que tamén participou o director xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), Miguel Pérez Dubois, o conselleiro pediulles colaboración para concretar medidas a prol da reactivación económica e social do noso agro, dentro do seu ámbito de actuación, para superar as dificultades provocadas pola emerxencia sanitaria.

Así, na reunión falouse da posibilidade de impulsar medidas, a través dos GDR, relacionadas con sectores como o agroalimentario, o gandeiro, o forestal, o turístico, o ambiental ou o do pequeno comercio. Neste sentido, José González puxo en valor o feito de que estes grupos son asociacións “pegadas ao territorio”, que funcionan cunha dinámica de traballo participativa, de abaixo-arriba, implicando a toda a sociedade na toma de decisións e tendo como base os recursos locais, a colaboración e o traballo en rede, buscando a innovación e facilitando procesos de cambio no rural.

Ademais, o conselleiro destacou que os 24 GDR de Galicia abarcan a totalidade do noso territorio rural, sendo entidades dinámicas e multisectoriais onde están representados todos os axentes socioeconómicos de cada zona interesados e preocupados no seu desenvolvemento. José González salientou tamén a ampla experiencia dos GDR na xestión do desenvolvemento rural e, nesta liña, lembrou que dende hai 30 anos veñen amosando a súa capacidade de dinamización dos territorios.

En parecidos termos, o conselleiro puxo de manifesto que estas entidades contan con oficinas físicas espalladas por toda a comunidade autónoma, nas que os preto de 60 técnicos que as integran prestan os seus servizos, a pé de campo, a prol do desenvolvemento dos diferentes territorios rurais.

Así, José González advertiu que aínda que a súa principal función está na aplicación das estratexias europeas de desenvolvemento local participativo a través do denominado programa Leader, dado o carácter transversal e de enfoque multisectorial e territorial, cooperan con outras entidades e administracións para implementación de actuacións que contribúan ao desenvolvemento local. Por todos estes motivos, concluíu, a súa contribución á reactivación da economía e do tecido social do rural pode ser decisiva.

0.19303917884827