O Hotel Villamartín de Vilalba acollerá unha residencia e centro de día con máis de 160 prazas

O Concello de Vilalba acolleu hoxe a presentación do proxecto para a construción dunha nova residencia para maiores e un centro de día nas instalacións do antigo Hotel Villamartín, unha iniciativa impulsada por Rosalba Gestión que suporá un avance clave na dotación de servizos asistenciais no municipio.
O proxecto, en cuxa presentación estiveron presentes a alcaldesa, Marta Rouco, o concelleiro de Infraestruturas Urbanas, Luis Fernández, e o director de Relacións Institucionais de Rosalba Gestión, Luis Romero, contempla a creación dun centro con máis de 160 prazas, combinando servizo residencial e centro de día, e prevé a xeración de arredor de 150 postos de traballo entre directos e indirectos, contribuíndo así ao desenvolvemento económico local e á fixación de poboación.
A alcaldesa, Marta Rouco, destaca que “estamos ante un proxecto estratéxico para Vilalba, que dá resposta a unha demanda real da veciñanza e que permitirá que moitas persoas maiores poidan ser atendidas no seu propio entorno, preto das súas familias”.
Rouco subliña tamén o papel activo do Concello para facer posible esta iniciativa, sinalando que “desde 2022-2023 levamos traballando demaneira estreita co promotor para facilitar a implantación deste proxecto, estudando todas as opcións posibles para aproveitar as condicións urbanísticas das instalacións e axilizar a tramitación necesaria”.
Neste sentido, o Concello traballou arreo para posibilitar que o proxecto poida desenvolverse nun espazo que foi clave para a actividade económica de Vilalba, como é o antigo Hotel Villamartín, que terá así unha nova vida vinculada ao coidado e á atención das persoas.
O centro seguirá un modelo de atención integral centrado na persoa e contará con sete unidades de convivencia, tres delas especializadas: unha para coidados continuados de persoas con enfermidades crónicas complexas, outra de recuperación funcional tras alta hospitalaria e unha terceira destinada á atención de demencias dexenerativas.
Ademais, incluirá un centro de día orientado a persoas maiores que viven nos seus domicilios, ampliando así a cobertura asistencial no municipio.
A alcaldesa pon en valor a aposta de Rosalba Gestión por Vilalba, unha empresa con máis de 30 anos de experiencia no sector que inicia con este proxecto a súa implantación en Galicia, e destaca que “este tipo de iniciativas son fundamentais para cubrir carencias existentes e mellorar a calidade de vida da nosa veciñanza”.
Así mesmo, Rouco lamenta “a falta de implicación da Xunta de Galicia, que ten a competencia exclusiva en materia de residencias públicas e á que este Concello lle leva anos solicitando unha infraestrutura destas características sen obter resposta”.
Neste contexto, o Concello solicitará á Xunta que habilite prazas concertadas na nova residencia e no centro de día, co obxectivo de garantir o acceso a estes servizos ao conxunto da cidadanía.