O Instituto de Estudos Chairegos organiza as súas primeiras xornadas micolóxicas en Monseivane

O Instituto de Estudos Chairegos organiza o vindeiro domingo 15 de novembro as I Xornadas Micolóxicas, unha iniciativa que combinará unha saída ao espazo natural de Monseivane para identificar e recoller cogomelos cunha proposta gastronómica en Vilalba.
A actividade comezará ás 9.00 horas, cunha saída desde os arredores do Mega Gadis cara a Monseivane. Os participantes estarán acompañados por Luis Cuba, coñecedor do mundo da micoloxía, que guiará a identificación das distintas especies e a súa recollida.
Xa de regreso a Vilalba, ás 15.30 horas celebrarase un menú degustación no albergue As Pedreiras, elaborado por Tito González. A proposta incluirá empanada de boletus e níscalos, pastel destas dúas variedades con maionesa de cogomelos aromatizada con aceite de trufa branca, arroz de níscalos e boletus e roscón de Vilalba. O menú estará acompañado de viños tinto e branco, auga, cervexas e café.
O prezo da actividade é de 30 euros por persoa. As persoas interesadas deberán inscribirse previamente enviando un correo electrónico a estudoschairegos@gmail.com antes do venres 13 de novembro.
A organización establece un máximo de 25 prazas, que se cubrirán por rigorosa orde de recepción dos correos electrónicos. Cada participante deberá levar unha cesta e un coitelo ou navalla. Ao remate da actividade, quen o desexe poderá levar para a casa os cogomelos recollidos.