O mércores dará comezo a selección de persoal dos obradoiros de emprego

TerraChaXa
O proceso de selección do persoal participante nos obradoiros de emprego financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria desenvolverase entre os días 30 de outubro e 26 de novembro.
28 Out 2019

O proceso de selección do persoal participante nos obradoiros de emprego financiados pola Consellería de Economía, Emprego e Industria desenvolverase entre os días 30 de outubro e 26 de novembro.

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, mantivo unha xuntanza na Delegación Territorial da Administración autonómica á que estaban convocados representantes de todos os concellos promotores co obxectivo de coordinar as actuacións encamiñadas á contratación do persoal. Nesta provincia, desenvolveranse 14 talleres que empregarán a 333 persoas: 272 alumnos-traballadores e 61  máis para as funcións de docencia, dirección e administración.

De todos os obradoiros que se levarán a cabo, 12 serán duais e outros dous de garantía xuvenil -en Lugo e Ribadeo, dirixidos especificamente a mozos e mozas menores de 30 anos e que xa comezaron-. Agora comeza a selección de persoal dos talleres duais, que terán unha duración mínima de 9 meses.

Segundo se informou na reunión desta mañá, o procedemento de escolla do alumnado-traballador terá dúas fases: en primeiro lugar farase a selección polas oficinas de emprego e a continuación por un grupo de traballo mixto integrado por Xunta e concellos. Cada obradoiro fará públicas as bases reguladoras do proceso de selección nas propias oficinas de emprego e nos taboleiros de anuncios e páxinas web dos concellos promotores.

O delegado territorial animou ás persoas interesadas a que acudan ás oficinas de emprego a solicitar a participación no obradoiro na especialidade que queiran. Terán preferencia para formar parte do alumnado aquelas persoas que teñan establecido ese tipo medidas no seu itinerario de inserción profesional; mulleres; colectivos en risco de exclusión; persoas que esgotasen as prestación ou subsidios por desemprego; persoas paradas de longa duración; maiores de 45 anos; persoas que carezan de títulos universitarios e de FP de grao superior;  persoas con discapacidade e persoas beneficiarias da Risga.

Territorialización

No que respecta á distribución dos obradoiros duais por comarcas e concellos, hai tres promovidos na Mariña entre os que está Terras do Sor III, cun investimento de dun millón de euros coa implicación de sete concellos, entre eles Muras, e a realización de 74 contratos de traballo. Outros tres talleres involucran a 10 concellos da Terra Chá, Meira e a comarca de Lugo -Terra Chá Dixital, Camiño da Chaira V e O Castro V, ccom mesmo investimento e 73 contratacións.

Na Zona Sur, fináncianse coa mesma cantidade un total de tres iniciativas nas que participan 7 concellos e que xerarán 73 contratos. Pola súa banda, na Montaña terá lugar o obradoiro Vía Künig I -que comparten tres concellos-; Sarria promove individualmente Sarria: Camiño de Santiago e o concello do Páramo impulsa con O Corgo e Guntín o taller Ponte de Areas III.

0.19548916816711