“O mundo da escrita ten para mín unha prioridade bastante grande”

TerraChaXa
Xosé Manuel Felpeto vén de sacar ao mercado ‘Memorias dun porco teixo’
felpeto-presentacion-memorias-dun-porco-teixo
3 May 2026

Fálenos un pouco que atoparemos nesta terceira novela?

Nesta terceira novela o que atopamos é a vida de varias persoas, pero a vida tal e como é, unha traxicomedia, coas súas penas e as súas alegrías. Dentro desas historias de vida, onde algún relato ten un personaxe como motor e noutros teñen dous, este van camiñando en distintos puntos. Son dezanove relatos, máis un prologo, que nada teñen que ver entre eles. Fálase da propia condición humana que cada un ten metido aí dentro. Pódese ver a aldea, a Galicia, a identidade. Tamén a empatía, a solidariedade, o amor. Todo o que os seres humanos temos dentro e, dalgún xeito, temos que cribar. Hai relatos máis duros e, pola contra, outros tenden máis á comedia.

Hai paisaxes e personaxes coñecidas?

Este libro de relatos está baseado no seu 90 % en ficción e incluso hai un 50 % de relatos que xa o son desde a primeira liña. Iso si, conto cunha lista de historias contadas por xente que admiro, e a cal axudoume a centrarme e a tirar por esta obra, que serviron para darlle un chispazo á ficción e poder escribir ao redor delas. É por iso que podería dicirse que ten ese deixe do 10 % de realidade. Pero personaxes que se poidan identificar ou coñecer como tal, non existen. Sería case imposible. No tema dos paisaxes, se o poñemos xeralmente, si é certo que nun 80 % volve saír o rural porque é o que mellor coñezo e o que máis estimo, a parte de que é onde vivo. Hai algúns personaxes, pertencentes a dous ou tres relatos, que viven ou están na cidade, pero o resto das historias circulan no rural.

Que parecidos ou diferenzas atopa coas novelas precedentes?

Máis que parecerse, teñen unhas diferenzas enormes, porque, así como a novela dáche moita marxe de creación nesas tramas e desenlaces, o xénero do relato tense que condensar nun espazo moi corto, tes que ser moi concreto para que o lector entenda ben onde está, cal é o problema e onde o queren levar. É por iso que non pode haber moitas similitudes.

Canto tardou en escribila?

O que é escribila propiamente, foi un ano e uns poucos meses o que tardei. Despois hai outro proceso, que podería dicirse que é mais escuro ou triste, volver encima del. Unha vez, nunha presentación doutro libro, preguntáronme cantas veces lía o libro antes de presentalo nunha editorial e lle dixen ao redor dunhas trinta veces. Parece unha cantidade esaxerada, pero o problema é que, aínda que estás satisfeito co que fas, sempre se atopan pequenos matices cos que non estás de todo a gusto e queres melloralos. É por iso que o proceso completo de escribir un libro ao final é de dous anos e medio. Para paliar un pouco o desagradable das correccións, vou pensando noutra novelas, nos posibles camiños que pode seguir, porque tes un abano moi amplo para poder arrancar a escribir unha novela, e todas as posibilidades parécenche axustadas ao que queres, malia que só podes escoller unha.

Polo de agora onde foi presentada e cal será o seguinte paso?

O libro foi presentado en Cabreiros, Xermade, tamén nas Pontes, Neda, Guitiriz, na librería Trama de Lugo e en Vilalba teño data tamén. Afortunadamente hai moitas outras libreiras que me están chamando para acordar unha data, que será preferiblemente en primavera. Gústame moito facer presentacións, falar do meu libro e, como namorado deste xénero, da literatura en xeral. É por iso que vou moitas veces aos clubs de lectura que me chaman e cando estou alí, os lectores bombardéanme a preguntas que lles van xurdindo. Iso encántame, non o considero perder o tempo senón gañar vida. Mentres dura este período, os outros libros anteriores quedan parados, aínda que moitas veces me seguen falando deles pero non en concreto xa que hai uns anos que están por aí adiante. Pásame algunhas veces nos colexios, que propoñen o meu libro para unha actividade ou mesmo nos clubs de lectura. O que pasa é que todo ten o seu percorrido, pasan seis ou sete meses e todo vai amortizándose, entón o libro xa camiña e non necesita mais presentacións.

Cunha actividade tan intensa como ten, sempre queda tempo para escribir?

Malia ter unha vida tan intensa, o mundo da escrita para min ten unha prioridade bastante grande, por non dicir absoluta, e como prioridade impóñome todos os días dedicarlle algo de tempo. Non o considero ningún esforzo. Si que é verdade que a miña imaxinación ten que funcionar, pero non é unha maquina, entón cando aparece a inspiración é necesario aproveitar. Logo claro, pode pasar que haxa tempadas, de días ou meses, nos que non estás de todo ben para volver poñerte e cando les o que escribiches dáste de conta que non serviu para nada. Hai momentos moi agradables, pero tamén os hai complicados, aínda que en xeral merece moito a pena.

Que o que máis lle gusta da súa faceta de escritor?

A faceta que máis me gusta é a creación, o momento creativo no que tes que poñer a cabeza a traballar. Despois te metes, no que eu chamo, unha familia, a cal obriga moitas veces a traballar e sacala adiante e sobre todo a darlle a razón aos que sempre a teñen, que son os lectores. Cando publico unha novela, xa estou cunha familia distinta. Quero igual ás outras familias, pero ao final xa son historia. A min escribir sempre me gustou, considéroo unha gran satisfacción, malia que a gran dificultade radica hoxe en día en chegar a unha editorial e que se comprometan contigo. Ben é certo que non son ningunha ONG, pero as veces poden perderse polo camiño grandes traballos que non chegan a publicarse, sobre todo de xente nova. Eu nese aspecto considérome un home con sorte. O único que quero é que o lector estea cómodo e que desfrute con ler, se o consigo, para min xa é suficiente.

Xa estamos pensando na cuarta?

Si, pero non quero facer un espóiler. O único que podo dicir é que, como persoa que sinte moita mais debilidade polas personaxes femininas que masculinas, trata da historia de vida dunha muller. Data desde que naceu, polo 1914, ata os seus corenta anos e alí xa deixamos a novela porque o resto da súa vida xa se conta sola. Esta contextualizada nunha datas un tanto convulsas porque vai vivir unha guerra civil. A nosa protagonista, que se chama Clara vai ter moito que contar, porque sempre hai moito que contar. Para poñerlle o punto e final a un libro, sempre me gusta mandarllo antes a dos amigos meus, tamén escritores, para saber por man de persoas que escriben se a historia está ben, se hai que mellorala ou pola contra, gardala nun caixón.

0.10819816589355