O Pleno das Pontes impulsa a parcelación no Poboado das Veigas cunha modificación urbanística

O Pleno do Concello das Pontes aprobou a segunda modificación puntual das Normas Subsidiarias de Planeamento do Poboado das Veigas, un acordo que permitirá superar os obstáculos que dificultaban a segregación das parcelas e establecer as condicións necesarias para avanzar na venda das 211 vivendas ás persoas residentes, ao tempo que se reforzan as dotacións municipais e se melloran as infraestruturas e os espazos públicos das Veigas.A proposta contou cos votos favorables do PSOE e do PP e coa abstención do BNG.
O alcalde das Pontes, Valentín González Formoso, destacou a importancia do acordo para dar resposta a unha demanda das familias residentes no poboado. «Esta aprobación supón un avance importante para facer posible que as persoas que viven nas Veigas poidan adquirir as súas vivendas. Estamos a dar resposta a unha cuestión que requiriu un importante traballo técnico e administrativo e que resulta fundamental para garantir a seguridade xurídica de todo o proceso e seguir avanzando cara á venda dos inmobles», sinalou.
A necesidade desta nova modificación xorde das discrepancias detectadas durante o desenvolvemento da ordenación aprobada en 2019. Naquel momento, o Concello impulsou unha primeira modificación puntual co obxectivo de adaptar o planeamento á realidade do poboado, organizar os distintos ámbitos residenciais e establecer as condicións necesarias para regularizar as parcelas. Non obstante, ao aplicar aquela ordenación identificáronse ata catorce inexactitudes na clasificación de edificacións dentro das distintas ordenanzas, así como diferenzas entre os planos urbanísticos e a situación real das construcións, parcelas e viarios.
O concelleiro de Urbanismo, Manuel Rodríguez, explicou que esta segunda modificación afecta a aproximadamente doce subámbitos, cunha superficie duns nove hectáreas, dentro das 32 hectáreas que ocupa a totalidade do poboado.
Segundo indicou, a revisión permite axustar o planeamento ás características reais das parcelas, edificacións e infraestruturas, corrixindo as discrepancias que dificultaban a súa segregación.
Melloras nos viarios, aparcamentos e conservación do arborado
A proposta contempla a creación de dúas zonas de estacionamento integrado, situadas na rúa do Sil e na rúa Mandeo. Para a súa execución prevese empregar sistemas urbanos de drenaxe sostible (SUDS), seguindo o modelo aplicado no aparcadoiro situado xunto ao economato, co obxectivo de integrar estes espazos na infraestrutura verde do poboado.
Outra das actuacións previstas é a adaptación dos trazados viarios á realidade existente. Así, corrixiranse situacións nas que os planos anteriores recollían rúas que atravesaban edificacións ou peches, percorridos que non coincidían coas vías actuais ou seccións que non se axustaban ás dimensións reais.
A revisión incorpora tamén cambios na normativa das parcelas e das edificacións. Os peches poderán acadar unha altura máxima de 1,50 metros e amplíase a ocupación permitida na parcela do campo de fútbol para facilitar a construción de novos vestiarios. Ademais, nove construcións auxiliares deixarán de estar consideradas fóra de ordenación ao adaptarse os trazados viarios á realidade construída.
A protección dos elementos naturais e paisaxísticos das Veigas ocupa igualmente un lugar destacado. Neste sentido, elimínase a vía ciclista prevista na primeira modificación puntual, xa que o seu trazado afectaba aos plátanos de sombra da avenida das Veigas. Esta decisión permitirá conservar un arborado que constitúe un dos elementos máis representativos da identidade do poboado e resulta fundamental para a súa calidade ambiental.
A actuación complétase coa mellora da rede de saneamento de augas pluviais e coa actualización dos contornos de protección da igrexa e do cruceiro, co fin de adaptalos á normativa vixente en materia de patrimonio cultural.
Novas dotacións e espazos públicos
Xunto a estas actuacións, o Pleno aprobou inicialmente un novo convenio urbanístico con Endesa Xeración que permitirá incorporar gratuitamente ao patrimonio municipal diferentes inmobles e espazos de uso público.
Entre os bens que se prevé incorporar figuran o Hospitalillo e a súa zona axardinada, o edificio da antiga OPYDE e o inmoble da Cruz Vermella e do Comité de Empresa de Endesa.
O acordo contempla tamén a cesión dun novo espazo libre no subámbito 2, situado entre a rúa do Anllóns e a avenida das Veigas, xunto á antiga casa do capataz. A parcela destinarase a zona de recreo e estacionamento, unha proposta definida en coordinación coa veciñanza. O convenio inclúe, así mesmo, a cesión dunha tubaxe de auga bruta destinada inicialmente á rega do campo de fútbol.
A proposta conta co respaldo dos informes técnicos autonómicos, que avalan o seu interese público. A Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo considera xustificada a actuación tanto pola incorporación de novas dotacións públicas como pola necesidade de adaptar o planeamento á realidade existente. Pola súa banda, o Instituto de Estudos do Territorio destaca a súa contribución á mellora da paisaxe urbana, especialmente pola conservación do arborado da avenida das Veigas, das edificacións características do poboado e da coherencia dos seus ámbitos residenciais.
Así mesmo, o concelleiro de Urbanismo, Manuel Rodríguez, salientou que a consideración desta modificación como non substancial permitirá acurtar os prazos de tramitación e avanzar con maior axilidade cara á parcelación individual dos terreos.
"Foi necesario realizar un importante traballo técnico para acreditar que esta modificación non incrementa a edificabilidade global do ámbito. Agora, coa súa aprobación, estamos máis preto de iniciar a parcelación, un proceso para o que Endesa xa contratou unha empresa especializada e que prevemos que comece nas próximas semanas, coa toma de contacto coas persoas residentes nas Veigas", explicou.