O PP acusa á CHMS de presentar en Guitiriz facturas de acordos pola Tarifa de Utilización da Auga xa rematados

TerraChaXa
Os parlamentarios de Lugo denuncian a “anomalía xurídica e económica” que supón este cobro
Imaxe dun grifo de auga
11 Sep 2026

Os senadores do PP de Lugo, José Manuel Barreiro, José Manuel Balseiro e Juan Serrano, e os deputados no Congreso, Jaime de Olano e Cristina Abades, denunciaron hoxe en Guitiriz o “afán recadador” da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil (CHMS), que pretende xirar ao Concello de Guitiriz liquidacións anuais pola Tarifa de Utilización da Auga (TUA) derivadas duns acordos económicos xa pechados e finalizados.

O Concello de Guitiriz recibiu unha liquidación de 7.689,26 euros con data do 29 de abril de 2025 correspondente ao proxecto de novas actuacións e saneamento na EDAR de Guitiriz. Para o presente ano, a contía aprobada pola CHMS ascende a outros 7.381,69 euros.

Os parlamentarios do PP de Lugo denuncian a “anomalía xurídica e económica” que supón este cobro, dado que o convenio entre a CHMS e o Concello de Guitiriz para dita obra asinouse o 17 de marzo de 2022 por un importe total de 267.107,65 euros e figura xa como “finalizado”.

Na resposta ofrecida polo Goberno central, a Confederación Hidrográfica recoñece explicitamente que a imposición da Tarifa de Utilización da Auga para este tipo de obras específicas débese á modificación do texto refundido da Lei de Augas operada a través do RD 4/2023, de 11 de maio.

A este respecto, dende o PP de Lugo aseveran que as liquidacións que a CHMS pretenda cobrar por convenios e obras tramitadas a partir do 11 de maio de 2023 atópanse no marco da nova legalidade, pero resulta “inadmisible e un sablazo inxustificado” pretender aplicala convenios anteriores como o de Guitiriz, asinado no ano 2022 e cos compromisos financeiros orixinais xa cumpridos.

“Sorprende que a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil pretenda cambiar as regras do xogo co partido xa rematado e sabendo o resultado”, remarcan os representantes lucenses, que reprochan ao organismo de conca que “pase de ser un órgano cooperador cos concellos a converterse nunha mera entidade recadadora que asfixia as arcas municipais”.

Os deputados e senadores lembran que o obxectivo do Goberno é estender o cobro desta tarifa de xeito anual durante un período de 25 anos. No conxunto da provincia de Lugo, o impacto económico estimado dos convenios previos á reforma de maio de 2023 roza os 17M€, unha cantidade á que aínda haberá que sumar o impacto nas zonas baixo a xurisdición da Confederación Hidrográfica do Cantábrico.

Os parlamentarios do PP de Lugo esixirán no Senado, ao Goberno de España, a paralización destas liquidacións retroactivas e unha rectificación inmediata. “Se cando se asinou o convenio en 2022 non existía esa taxa nin figuraba no documento, non se lle pode xirar agora unha nova liquidación ao Concello de Guitiriz e aos seus veciños para os vindeiros 25 anos”, concluíron.

0.13146209716797