O PP denuncia o cobro en Vilalba de taxas non establecidas no convenio da depuradora por parte da CHMS

Senadores e deputados do PP lucense advertiron que “o Goberno de Sánchez pretende cobrar ao Concello de Vilalba durante 25 anos polas obras de saneamento na depuradora unha Tarifa de Utilización da Auga (TUA), taxa aprobada polo Goberno de España en maio do 2023, despois da sinatura do convenio entre o Concello e a Confederación Hidrográfica Miño-Sil para acometer estas obras e que, polo tanto, non se debería aplicar neste caso”.
Os representantes das Cortes Xerais detectaron que “o Executivo ten aprobada esta liquidación para cobrar ao Concello de Vilalba neste 2026 máis de 48.000 euros neste concepto”. Nese sentido, os populares censuran “o afán recadador do Goberno de Sánchez” no que parece ser “o cobro aos vilalbeses para recuperar o diñeiro investido en financiado unhas obras no municipio”.
Dende o PP de Vilalba consideran “inconcibible” este cobro por parte do Goberno e esixen á alcaldesa explicacións sobre a decisión que pretende adoptar. “Se non estaba recollido ese pago no convenio nin estaba en vigor esa tarifa no momento da sinatura (11/02/2022), non procede ese cobro por parte do Goberno de España”.
Os populares sinalan, ademais, que se trata dunha cantidade importante que, de repetirse nos vindeiros anos, compromete as arcas municipais: “cada euro que o Concello teña que dirixir a pagar esta tarifa ao Estado, é un euro menos que dirixe a prestar servizos aos veciños ou realizar outras obras no municipio”.
Os parlamentarios do PP de Lugo entenden “a imposición desta tarifa por obras no ámbito do abastecemento e saneamento posteriores á aprobación da modificación do texto refundido da Lei de Augas operada a través do RD 4/2023, de 11 de maio; pero non para os convenios asinados anteriormente”.
Os deputados e senadores estiman que o cobro durante 25 anos desta Tarifa pola Utilización da Auga por obras executadas ao abeiro de convenios asinados antes de maio do 2023 entre Concellos e a Confederación Hidrográfica do Miño-Sil se aproxima aos 17M€. E a estes habería que sumar o impacto por obras en Concellos baixo a xurisdición da Confederación Hidrográfica do Cantábrico.
Os parlamentarios do Partido Popular por Lugo esixirán no Senado que o Goberno de Sánchez rectifique e paralice estas liquidacións retroactivas. “Se cando se asinou o convenio en 2022 non existía esa taxa nin figuraba no documento, non se lle pode xirar agora unha liquidación ao Concello de Vilalba e aos seus veciños para os vindeiros 25 anos”, concluíron.