O PSOE alerta que a caída orzamentaria lastra a ordenación forestal

TerraChaXa
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, acusou hoxe ao goberno galego de lastrar os cambios na ordenación forestal pola caída de orzamentos.
20 Jun 2019

O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, José Manuel Pérez Seco, acusou hoxe ao goberno galego de lastrar os cambios na ordenación forestal pola caída de orzamentos. Así o dixo na comparecencia en Comisión do director xeral de Ordenación Forestal, onde alertou dunha redución de 12 millóns de euros na partida orzamentaria do programa de Ordenación das Producións Forestais.

O responsable socialista criticou a “falla de vontade política” do goberno galego e esixiulle un “impulso económico decidido” para levar adiante os cambios acordados na Comisión de Estudo sobre a Política Forestal. Afeoulle ao goberno galego que traballara no sentido contrario ao reducir o orzamento deste apartado nun 1 por cento con relación ao ano anterior e dun 15 por cento acumulado dende 2010.

Sinalou que esta partida resulta “necesaria non xa para a planificación e ordenación forestal”, senón que é “imprescindible para algo tan transversal como os incendios forestais”. Reivindicou orzamentos para habilitar a posta en marcha das medidas previstas para este mesmo ano, como é o caso da “mellora da xestión pública, o impulso da xestión conxunta ou para a potenciación da multifuncionalidade do noso monte”.

Advertiu que a baixa dotación económica aumenta o escepticismo sobre a implantación dos cambios acordados na xestión forestal, que “ou ben se estancarán ou tardarán moito máis do previsto en levarse a cabo”. Acusou ao goberno galego de facer que “a que bautizaron como a Lexislatura do Rural en realidade se traduza en 3 anos de inacción de cara á mellora da xestión e moitas palabras que leva o vento”.

O responsable socialista reivindicou “un monte sustentable ao tempo que eficiente e rendible, multifuncional e con xestión profesional dos espazos de produción, que preserve a biodiversidade e provea dos bens públicos que lle son propios, con regras estables e normas que se fan cumprir, con incentivos e instrumentos adecuados aos fins perseguidos, con políticas susceptibles de ser avaliadas e coa participación da sociedade”.

Pérez Seco criticou que o goberno galego teña acudido hoxe á Comisión para abrir un debate sobre o Anuario de estatística forestal de Galicia sen ter remitido antes a publicación aos grupos parlamentarios, obstaculizando así, dixo, un “debate máis rico e beneficioso para todos e todas”.

 

0.15730905532837