O SLG denuncia desabastecemento en comedores escolares da Terra Chá

TerraChaXa
O Sindicato Labrego Galego denuncia os problemas que está a haber coa empresa Gescor na xestión de varios comedores escolares de ámbito rural na provincia de Lugo.
basantasilva
20 sep 2018

O Sindicato Labrego Galego denuncia os problemas que está a haber coa empresa Gescor na xestión de varios comedores escolares de ámbito rural na provincia de Lugo. En concreto, no IES Basanta Silva, de Vilalba, onte o servizo de cociña tivo que improvisar o xantar (as traballadoras foron mercar alimentos para cociñar) e, na primeira xornada, o alumnado tivo que conformarse cun bocadillo. Neste caso concreto, están afectados 184 alumnos os luns e 47 de martes a venres.

"No caso de Gescor, chove sobre mollado, xa que esta empresa de cátering ten recibido reiteradamente denuncias por irregularidades como débedas coas empresas que lle fornecen alimentos, atraso no pagamento de nóminas ou menús non adaptados ao alumnado", din.

"Polo que puidemos saber no SLG, este tipo de irregularidades estaríanse a dar tamén noutros centros escolares lucenses rurais, como o IES Fonmiñá, de A Pastoriza, ou o IES Enrique Muruais, de A Pontenova; e na propia capital, como o IES Nosa Señora dos Ollos Grandes. É posible que este tipo de irregularidades estean a padecerse, en menor ou maior grao, en tódolos centros escolares que controla esta empresa (Chantada, Sarria, Becerrea, Triacastela, Pedrafita, Ribadavia, Arnoia, Carballiño, etc.), aínda que non puidemos confirmalo. As irregularidades de Gescor en varios centros escolares da Costa da Morte, tamén rurais, xa lle valeron unha sanción de 17.000 euros da Xunta", conclúen.

O SLG lembra que o servizo de comedor escolar é esencial para miles de familias que viven no rural e que non poden permitirse dobrar os desprazamentos para traer xantar os fillos ou as fillas a casa. "Por iso, pedimos que a Xunta tome cartas no asunto e obrigue, de maneira inmediata, a asumir as súas responsabilidades á empresa ou a rescindirlle o contrato por estalo a incumprir flagrantemente", solicitan.

0.18841886520386