Olimpia López destaca en Vilalba a importancia da memoria democrática na mocidade

TerraChaXa
A subdelegada presentou a peza 'As Alumnas' no IES Basanta Silva Silva co fin de promover unha reflexión crítica sobre a historia recente
olimpia-lopez-as-alumnas-basanta-silva
4 Dec 2025

A subdelegada do Goberno en Lugo, Olimpia López, reivindicou hoxe en Vilalba a importancia de achegar a memoria democrática ás novas xeracións “para entender de onde vimos e seguir fortalecendo unha sociedade libre, igualitaria e plenamente consciente do seu pasado”. Así o expresou durante a presentación da obra teatral As Alumnas, no Auditorio Municipal, acompañada pola alcaldesa Marta Rouco nunha función dirixida principalmente ao alumnado do IES Santiago Basanta Silva.

A subdelegada salientou que “a cultura é un dos vehículos máis poderosos para explicar a historia recente do noso país” e puxo en valor que o espectáculo “permite ao estudantado reflexionar sobre como a falta de liberdades afectou á educación, especialmente das mulleres, e por que é imprescindible preservar a memoria democrática como ferramenta pedagóxica”.

Nese senso, agradeceu ao Concello e á alcaldesa “a colaboración e a sensibilidade para traer propostas culturais que axudan a construír cidadanía crítica”, e estendeu ese agradecemento ao equipo directivo do instituto “pola súa receptividade a propostas de interese para o seu alumnado”.

As Alumnas, escrita por Paula Carballeira —Premio Nacional de Literatura Dramática 2023— e producida por Culturactiva, aborda a figura da pedagoga galega María Barbeito e o retroceso educativo que supuxo o franquismo, especialmente para as mulleres.

A subdelegada destacou que “as rapazas e rapaces non só ven unha peza teatral, senón que participan logo dun diálogo coa autora, o que converte esta actividade nun espazo extraordinario de aprendizaxe activa sobre igualdade, dereitos e historia”.

A representación forma parte da programación da Delegación do Goberno en Galicia e do Comisionado para a Celebración dos 50 anos de España en Liberdade, que promove actos en toda a comunidade para conmemorar medio século de democracia.

⚙ Configurar cookies
0.084622859954834