“Os edificios e espazos, que cos anos foron facéndose icónicos, son os grandes protagonistas do cartel”

Explíquenos como foi que acabou deseñando o cartel?
Pois son deseñador e ilustrador pontés e levo anos facendo este tipo de traballos: carteis, identidades visuais, ilustracións… A concelleira de cultura, Lorena, contactou comigo para facer o cartel e a alfombra floral, así como as adaptacións a redes e o deseño do programa.
Que o que intenta representar nel?
Trato de representar a esencia das festas de forma que todas as pontesas e ponteses o sintan así. Os edificios e espazos das Pontes, que cos anos foron facéndose icónicos, son os grandes protagonistas deste cartel, acompañado da xente simbolizada con figuriñas de madeira e das flores: as hortensias para o Carme e as xestas para a Fraga. E non nos esquezamos das mantecadas que sempre acompañan ás sobremesas nas comidas familiares nestas datas.
Ademais do propio cartel hai unha serie de animacións complementarias, como funcionan e que obxectivo teñen?
O programa no que fixen o cartel chámase Blender e ademais de ser un modelador 3D pódense facer animacións no mesmo. Entón, aproveitando que xa tiña os edificios e as persoas feitas en 3D, fixen unha animación por cada evento dentro do marco das festas: a verbena da Fraga, a procesión, a xente na capela… Que se foron subindo como pequenas doses en redes que rematarían coa presentación do cartel. Creo que é unha forma distinta de comunicación e á vez divertida.
Como están funcionando?
Creo que ben, a xente pregunta que é e penso que gustou o formato.
É o primeiro cartel que fai para as festas?
Non, fixera o do ano 2017 (que non se parece en nada a este e menos mal jajaja). Era unha ilustración dun ollo no que se reflectían momentos das festas.
En que se inspirou?
No proceso de conceptualización busquei referencias en páxinas como Behance ou Pinterest e nas redes sociais. O estilo 3D en isométrica chamoume moito a atención e atopei moitos proxectos así dos que tomei nota. O programa que usei é súper intuitivo e potente e aínda que non o usaba no día a día, foi doado acadar os resultados que buscaba.
Fálenos un pouco do seu traballo, cando comezou e canto tempo leva nisto do deseño?
Sempre me gustou o debuxo e tiven claro que quería dedicarme a el por iso estudei Belas Artes en Pontevedra e un Máster de Deseño online de Barcelona. Levo catro anos dedicándome profesionalmente ao deseño aínda que antes xa comecei a facer traballos para amigos como carteis, ilustracións para libros e discos e ese tipo de cousas.
Como definiría o seu traballo?
Trato de ter un estilo variable e adaptable aos encargos que recibo pero cumprindo sempre unha serie de características comúns como a representación da realidade vista cos meus ollos, con fortes referencias ao meu pobo e as miñas raíces.
Cales son os traballos máis destacados?
Pois estou bastante orgulloso dun proxecto do ano pasado, o deseño e promoción dun polo retro con temática de fútbol; tamén fixen un logo para “Cheminea Si” como movemento de reivindicación social para que non derruben a cheminea do meu pobo e engadiría este cartel á lista.
Recibiu algún premio?
No 2023 gañei o VII Premio de Investigación HUME polo fotolibro A Pardo, que foi tamén o meu TFG no que (a escola recentemente demolida, a Pardo) é a gran protagonista. Todos os traballos pódense ver na miña web: www.migueledoroca.com