Os Socialistas de Friol cuestionan a valoración dunha parcela municipal para Lar do Regueiro
Os Socialistas de Friol cuestionan a valoración municipal da parcela situada nas inmediacións do campo de fútbol que o Concello pretende permutar para facilitar o desenvolvemento de Lar do Regueiro, un proxecto de cohousing sénior. Os técnicos municipais fixaron o valor do terreo, duns 3.000 metros cadrados e cualificado como solo de núcleo rural, en 27.000 euros, arredor de 9 euros por metro cadrado.
A voceira socialista, Ana Pardo Lorenzo, considera que esta valoración require unha explicación detallada, especialmente tendo en conta os prezos de parcelas edificables que actualmente se anuncian no propio municipio. Entre elas, sinala unha parcela urbana de 534 metros cadrados por 30.000 euros e outra de 1.211 metros cadrados edificables por 40.000 euros.
Os socialistas recoñecen que os prezos dos anuncios inmobiliarios non equivalen directamente ao valor de mercado e que as características dos terreos poden ser diferentes, pero consideran que a diferenza respecto dos 9 euros por metro cadrado da valoración municipal debe xustificarse.
Por iso, o grupo reclama ao Goberno local que explique os criterios utilizados, as referencias de mercado, a edificabilidade considerada e os posibles coeficientes correctores aplicados para establecer os 27.000 euros.
Dúbidas sobre a incorporación da parcela ao proxecto
A formación tamén cuestiona o procedemento seguido para incorporar o terreo municipal a Lar do Regueiro. Segundo lembra Pardo Lorenzo, a parcela xa aparecía integrada no proxecto cando foi presentado publicamente en abril, coa participación do alcalde, José Ángel Santos, a pesar de que nese momento continuaba sendo propiedade do Concello.
Os socialistas queren saber cando se decidiu que o terreo podía formar parte da iniciativa e que pasos se seguiron posteriormente para facer posible a operación.
Ademais, reclaman que se xustifique por que a permuta é a opción máis beneficiosa para o Concello e que outras alternativas foron estudadas, así como por que non se formulou a posibilidade de que outras persoas ou entidades puidesen presentar propostas sobre este patrimonio municipal.
O terreo procede dunha expropiación
Outra das cuestións que, segundo os socialistas, debe resolverse antes de continuar coa operación aparece recollida na documentación municipal. A parcela procede de terreos adquiridos mediante expropiación para a reforma do campo de fútbol e o informe de Secretaría sinala que debe analizarse a posible existencia de dereitos de reversión a favor do anterior propietario ou dos seus herdeiros.
Pardo Lorenzo considera que esta situación debe aclararse antes de avanzar na permuta e non cando o proxecto xa estea en marcha.
Os Socialistas de Friol aseguran que non cuestionan a posible utilidade de Lar do Regueiro para o municipio, pero defenden que o interese social do proxecto non pode substituír a obriga do Concello de garantir a protección e correcta xestión do patrimonio público.
“Lar do Regueiro pode ser un bo proxecto para Friol. O que non aceptamos é que iso sirva para dar por boa calquera operación. Estamos falando de patrimonio municipal e hai que poder explicar con datos canto vale, por que se escolle esta fórmula e por que esta iniciativa concreta debe ter acceso a esa parcela”, sostén Pardo Lorenzo.
A voceira socialista conclúe que, se a operación resulta beneficiosa para Friol, “non debería haber ningún problema en explicala con total transparencia”.