Os tambores da rebelión

TerraChaXa | RibeiraSacraXa | SarriaXa
De Foliada en Reigada, unha lembranza da provincia e da vinculación das súas xentes coa cultura e coa tradición.
Moncho paz
Moncho paz
12 abr 2023

Por Moncho Paz

“O distrito 20 é un barrio popular e moi animado do leste de París. Conta con numerosas salas de concertos e teatros. O seu principal reclamo turístico é o cemiterio de Père Lachaise, poboado de tumbas de artistas, escritores e músicos afamados, como Frédéric Chopin ou Jim Morrison. Nun local da zona, os nenos con dificultades cognitivas teñen a oportunidade de rachar o seu silencio e recuperar a súa comunicación co mundo grazas a un percusionista arxentino, Martín Saint Pierre, asentado en Francia dende a década de 1970”. Ramón contábame esta historia en abril de 2011, cando me despracei a París para convencelo de que era o momento de pechar o círculo con Reigada, da que se exiliara voluntariamente trinta anos atrás.

“A comezos de 1982, mentres estaba a rematar ‘El lago de Como’, tomei un repouso para asistir a un recital de tam-tam a cargo de Martin Saint Pierre, un dos grandes percusionistas do momento. Chamoume moito a atención, porque un concerto dedicado exclusivamente á percusión era impensable cando cheguei aquí. Naquel tempo, producíase un retorno a esta música das orixes e, na nosa casa, Manu e Antoine tamén amosaban interese por tambores e timbais”, afirmaba Chao. Hai que ter en conta que a familia da percusión inclúe os instrumentos máis antigos, que poden tocar non só o ritmo, senón tamén a melodía e a harmonía. A súa plena actualidade resulta dunha evolución lenta, debida ao recoñecemento e á incorporación -por parte da música tradicional- de expresións foráneas, cos seus instrumentos básicos. Lembro que mentres departiamos sobre percusión, no estudo da casa de Sèvres escoitábase ‘Lágrimas de oro’, a canción de Manu: “Llegó el cancodrilo y Super Chango / Y toda la vaina de Maracaibo / En este mundo hay mucha confusión / Suenan los tambores de la rebelión / Suena mi pueblo, suena la razón / Suena el guaguancó / (Baila mi mama) / Suenan los tambores de la rebelión...”.

Calcúlase que nas cidades europeas de menos de 100.000 habitantes, máis dun cento de rapaces estudan algún instrumento de percusión; no caso dos de maior talento, adoitan comezar a unha idade temperá, normalmente ao redor dos dez ou doce anos. A percusión está integrada en case todas as manifestacións musicais: nos ballets modernos, nas grandes orquestras sinfónicas, no jazz, no pop, no rock… Deste xeito, o ritmo, a melodía e a harmonía están sempre representados. Debido á diversidade da percusión, non é raro atopar conxuntos musicais compostos exclusivamente por instrumentos desta familia. E Ramón matizaba: “Os grandes compositores crean obras para o Grupo de Percusións de Estrasburgo, e Silvio Gualda, solista da Ópera de París á fronte da súa batería, ten a mesma consideración que Arthur Rubinstein no seu teclado, ou Pedro Corostola co seu violoncello”. De súpeto, lembrei que este último impartira cursos en Compostela durante varios anos. Un mestre formidable que finaría algún tempo despois (marzo de 2020), tras levar a súa experiencia a instrumentistas noveis de numerosas cidades españolas dende a súa cátedra de Madrid.

En épocas remotas, o ser humano seleccionou os materiais máis idóneos para confeccionar instrumentos rítmicos, xa fose golpeando uns contra outros, fretándoos ou baténdoos con paus. Pronto se utilizaron ósos e cornos de animais, e da prehistoria datan os primeiros concertos de queixada. Tiñan funcións máxicas e de esconxuro, en calidade de elementos lúdicos. A música de percusión, de moda no mundo celta e tamén durante o imperio romano, decaeu coa chegada dos bárbaros. Durante a Idade Media deixou practicamente de existir; só se utilizaban os instrumentos como xoguetes (as carracas) ou como aviso da proximidade de leprosos (táboas de San Lázaro). Na actualidade, a percusión coñécese xeralmente como a “columna vertebral” ou o “latexo do corazón” dun grupo musical, traballando a miúdo en estreita colaboración cos instrumentos de baixo, cando están presentes.

Aquela longa conversa con Ramón sobre percusión acabou sendo unha clase maxistral. Eu adoptei o papel de alumno e limiteime a escoitalo con atención: “No jazz e outros conxuntos de música popular, o pianista, o baixista, o batería e (ás veces) o guitarrista, forman a sección rítmica. A maioría das pezas clásicas escritas para orquestra completa, dende a época de Haydn e Mozart, están enfocadas para poñer énfase nas cordas, ventos de madeira e ventos de metal. Con todo, a miúdo inclúese polo menos un par de timbais”.

E proseguiu: “En case todos os estilos musicais, a percusión desempeña un papel esencial. Na cultura popular máis recente, é case imposible nomear tres ou catro cancións de rock, hip-hop, rap, funk ou mesmo soul que non teñan algún tipo de ritmo percutivo que manteña a melodía”. Rematado o parrafeo, trasladámonos a Montparnasse, na marxe esquerda do Sena, un barrio onde a creatividade sempre foi ben acollida. E perdémonos camiñando polo Boulevard Raspail, coa mente no día seguinte: embarcariamos xuntos no aeroporto Charles de Gaulle, nun voo directo cara a Prisciliano de Compostela. Ao chegar a Galicia, visitamos a casa de Bastavales, onde recollimos un tambor que deixara Manu. Pedinllo a Ramón: “Para unha batucada do Xiao, o fillo de Iria”. E insistín coa miña teima de Reigada...  Días despois, o 15 de abril de 2011, conseguín que se reconciliase definitivamente coa súa vila natal. Pero esa é outra historia.

Percusion tambores