Outeiro de Rei pechou as actividades de sensibilización sobre a pesca sen morte coa entrega de diplomas ao alumnado

TerraChaXa
A conselleira Ángeles Vázquez participou na clausura do programa, no que tomaron parte 14 nenos e nenas de entre 6 e 14 anos
OUTEIRO DE REI clausura pesca
27 Jun 2026

A área recreativa de Santa Isabel, en Outeiro de Rei, acolleu este sábado o acto de clausura das actividades de sensibilización sobre a pesca sen morte, unha iniciativa centrada na educación ambiental e na conservación dos ecosistemas fluviais.

A xornada serviu para entregar os diplomas aos 14 nenos e nenas de entre 6 e 14 anos que participaron no programa formativo, impulsado para fomentar os valores deportivos e medioambientais vinculados a esta modalidade de pesca.

No acto participaron a conselleira de Medio Ambiente e Cambio Climático, Ángeles Vázquez; o alcalde de Outeiro de Rei, José Pardo Lombao; representantes da Xunta e membros do Club de Pescadores 'Os Troiteiros'.

Segundo os datos facilitados pola Consellería, o ano pasado liberáronse en Galicia máis de 387.000 alevíns de troita común, dos cales o 85 % foron soltados en ríos da provincia de Lugo.

Durante a clausura, o presidente do club, Rubén Castro Bermúdez, realizou un balance das actividades desenvolvidas, mentres que algúns dos participantes compartiron a súa experiencia. A programación completouse cunha exhibición práctica de pesca e coa entrega de material conmemorativo.

0.13157892227173