Presentada unha nova edición do programa de outono As Pontes, Terra de Cogomelos

O Concello das Pontes presentou onte, na finca forestal A Panda da Dá, na parroquia do Freixo, a sexta edición de As Pontes, Terra de Cogomelos, unha programación que durante os meses de outuno volverá achegar a micoloxía á poboación local e visitantes a través de propostas divulgativas, paseos no monte, actividades gastronómicas, concursos e formación especializada.
A principal novidade desta edición será a incorporación da finca forestal A Panda da Dá, na parroquia do Freixo e propiedade de FINSA, como escenario de dúas das saídas micolóxicas. Deste xeito, o programa amplía os seus espazos de actividade máis alá do Couto Micolóxico do Monte Forgoselo, que continuará acollendo os itinerarios tradicionais.
A programación arrancará o 2 de outubro na Casa da Enerxía cun obradoiro de fotografía macro con teléfono móbil, impartido polo fotógrafo de natureza Daniel Puente. Unha semana despois, o 9 de outubro, o micogastrónomo Antonio Díaz guiará unha proposta sensorial para descubrir os cogomelos comestibles a través dos aromas, as texturas, as cores e os sabores.
O ciclo formativo continuará o 23 de outubro cun obradoiro de microscopía micolóxica a cargo de María Cabaleiro e Hugo Fernández, da Universidade de Vigo e MycoGalicia Plantae. O 6 de novembro, Marisa Castro e Francisco Xavier Martins, do Grupo Micolóxico Galego Luis Freire, impartirán o obradoiro “CSI Cogomelos”, centrado na investigación de intoxicacións micolóxicas.
Os paseos micolóxicos comezarán o 4 de outubro na Panda da Dá cunha saída de identificación de especies e fotografía para público adulto, dirixida polo divulgador micolóxico Luis Cuba e por Daniel Puente. O Couto Micolóxico do Forgoselo acollerá o 11 de outubro o paseo familiar “O bosque dos cogomelos”, impartido pola Asociación Amabul, e o 31 de outubro unha saída familiar para a preparación das cestas da feira, da man de Raquel Poncini e Pablo Cuadrado.
A Panda da Dá volverá ser protagonista o 14 de novembro cun paseo de identificación técnica para público adulto, guiado por Antonio Díaz. A incorporación deste espazo de máis de 400 hectáreas permitirá relacionar o aproveitamento micolóxico coa conservación da biodiversidade e coa xestión forestal sustentable.
A dimensión gastronómica terá tamén un papel central. O programa inclúe formación dirixida á hostalaría, concursos micogastronómicos e o concurso e exposición de fotografía micolóxica. Ademais, o 31 de outubro, coincidindo coa Feira de Fungos e Cogomelos, os cociñeiros Rafael Rivas e Fabián Rondón impartirán dous obradoiros de cociña con degustación na carpa da feira: un para público infantil e outro para persoas adultas. Ambos foron recoñecidos en 2025 como mellores cociñeiros de cogomelos de Galicia nas categorías doce e salgada, respectivamente.
A programación culminará coa celebración da XXXVI Feira de Fungos e Cogomelos, os días 31 de outubro e 1 de novembro. A feira contará cunha exposición de cogomelos, concurso de cestas, mostras de artesanía e produtos de outono, música e actividades para todos os públicos.
Con esta sexta edición, “As Pontes, Terra de Cogomelos” consolídase como unha cita de referencia no calendario de outono de Galicia, ao combinar a divulgación ambiental, a cultura forestal, a participación familiar e a promoción da gastronomía local.
Para participar nas xornadas só é preciso reservar praza, inscribíndose previamente a través deste enlace.
O Concello das Pontes tamén habilitou para dúbidas ou aclaracións, o teléfono 604.04.73.37 e o correo terradecogomelos@gmail.com