Presentan en Outeiro de Rei o manual para a integración paisaxística da reestruturación parcelaria

TerraChaXa | LugoXa
O manual ten como fin establecer os criterios para lograr unha redución no número de parcelas e posta en valor paisaxística e ambiental
presentacion manual reestruturacion parcelaria
presentacion manual reestruturacion parcelaria
22 Xuño 2021

A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, presidiu a presentación do Manual para a integración ambiental e paisaxística da reestruturación parcelaria. Ao acto, que se celebrou no concello de Outeiro de Rei, asistiron enxeñeiros dos distintos Colexios Técnicos de Galicia do sector agroforestal.

Na súa intervención, a directora xeral de Agader destacou o reto que supón unha ferramenta como esta, que por un lado logre unha redución no número de parcelas ao mesmo tempo que se garante a protección e posta en valor paisaxística e ambiental.

Actualmente, a reestruturación parcelaria está regulada na Lei 4/2015, do 17 de xuño, de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia, norma que establece que as funcións produtivas deben convivir en harmonía coas de defensa da contorna, da paisaxe e do patrimonio, uns criterios e obxectivos que recolle precisamente este manual.

Así, o escrito conta con varios pasos para poder chegar aos obxectivos finais, que pasan por realizar un inventario completo de todos os elementos do territorio e da paisaxe cunha exhaustiva análise territorial, e realizar unha estimación do impacto sobre a paisaxe, analizando a integración topográfica, o respecto pola rede hidrográfica, as coberturas do solo e os elementos naturais ou culturais.

Ademais, o manual tamén recolle a creación dun catálogo de elementos estruturais, naturais ou artificiais a conservar durante o proceso; así como a realización dun estudo das condicións particulares de integración paisaxística.

Neste senso, a directora xeral puxo en valor que este manual ten como fin acadar un triplo obxectivo: facilitar os traballos dos profesionais, garantir a máxima integración paisaxística e ambiental e conseguir unha mellora da produtividade e rendibilidade da base territorial.

0.21155309677124