Rachadas as negociacións con Urbaser, continúa a folga de recollida de lixo de Vilalba
A folga de recollida de lixo e limpeza viaria de Vilalba, servizo concesionado á empresa URBASER, mantense tras rachar onte novamente as negociacións, logo da empresa presentar unha nova proposta económica que aínda rebaixaba máis as cantidades ofertadas na xuntanza anterior.
O persoal da concesionaria do servizo de recollida de lixo e limpeza viaria de Vilalba leva desde o pasado mes de abril intentando negociar un novo convenio colectivo. A súa principal demanda é poder recuperar o poder adquisitivo perdido e garantir salarios dignos para todo o persoal, porque están ingresando agora 300€ líquidos menos ao ano que en 2011. Unha perda de poder adquisitivo que alcanza o 26-27% se a isto se lle engade o IPC desbocado destes anos.
Na anterior xuntanza coa empresa esta propuxo incrementos salariais do 4% para 2023; do 3% para 2024 e doutro 3% para 2025, pero ningunha suba para os anos 2021 e 2022, precisamente nos que máis subiu o IPC. Por iso daquela o comité rexeitou a proposta e mantivo a convocatoria de folga.
Segundo explica Xosé Paz, onte a proposta foi aínda máis “esperpéntica”. Explica que se concretaron en puntos aspectos nos que xa había acordo, como cantidade de roupa, que especifica que pasa a ser “o que marca a LPRL que até o de agora non estaban cumprindo”, un día máis de vacacións (31 días) e un permiso sen soldada.
Porén, sinala que no apartado dos salarios quixeron propoñer as cantidades concretas anuais que estaban dispostos a asumir mais que “cando nos din as cantidades decatámonos de que a suba é menor –de 200€/ano aproximadamente- que o que resultaría de aplicar o 4% que nos ofreceran na xuntanza anterior”.
Paz denuncia que “cando se deron conta de que nos percatáramos da trangallada, intentaron arranxalo dicindo que entón ofrecían o mesmo que na xuntanza anterior”. Unha actitude que para o representante da CIG é “contravir gravemente a boa fe negociadora que se supón en calquera negociación deste calibre”.
Fronte a esta proposta o comité presentou unha proposta que consideran máis seria e realista e que consistiría, para 2021, nunha prima de convenio única de 1.157€; para 2022 unha prima única de convenio de 1.080€; para 2023, 4% con cláusula de revisión salarial a IPC real e con carácter retroactivo e para 2024, 3% con cláusula de revisión salarial a IPC real e con carácter retroactivo.
A representación da empresa rexeitou esta proposta o que provocou que rachara, de novo, a negociación. Así as cousas, o persoal mantén a convocatoria de folga en demanda dunhas condicións laborais dignas.