Remata a campaña Merca e Gaña polo Nadal cunha recadación de 1,9 millóns de euros

TerraChaXa
11 Xan 2019

O voceiro da Deputación, Álvaro Santos Ramos, asistiu xunto coa concelleira de Lugo, Ana Abelleira; o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas López, e o director territorial de ABANCA en Lugo, Javier Soto Garrido, ao sorteo celebrado ante notario no Pazo de San Marcos para coñecer os gañadores da campaña Merca e Gaña polo Nadal. Alí, Santos Ramos informou da alta participación de persoas, un total de 31.500, que realizaron outras tantas compras nos distintos establecementos da capital lucense e en 40 Concellos da provincia, o que supuxo uns beneficios de 1,9 millóns de euros. Os premios, que se entregarán publicamente o 18 de xaneiro nun acto que terá lugar no Vello Cárcere, son para investir no comercio local da provincia con novas compras.

Santos Ramos subliñou que “nesta anualidade aumentou a participación no Merca e Gaña polo Nadal un 15%, pasando dos 27.000 usuarios rexistrados o ano pasado, aos 31.000 desta campaña. Estas compras realizadas na provincia de Lugo teñen un valor estimado de 1,9 millóns de euros, un 18% máis que en 2018, cando se rexistraron vendas dun total de 1,6 millóns. Estas son cifras que avalan a necesidade de que dende as administracións públicas, en colaboración coas distintas federacións, continuemos a desenvolver medidas coas que fomentar as compras no comercio local”.

“Dende o Goberno da Deputación, estamos comprometidos coa promoción do comercio de proximidade e a actividade dos establecementos a pe de rúa, que é un dos piares fundamentais da economía de toda a provincia, sobre todo durante estas datas de Nadal. As compras nestes días supoñen máis do 25 por cento das vendas anuais. Por iso, entre as medidas do Goberno da Deputación para contribuír ao impulso do pequeno comercio, e en colaboración coa Federación de Comercio, creáronse sinerxías con ocio, mediante unha atractiva oferta de actividades para nenos e espectáculos de entretemento complementarios, como foron as animacións na rúa e obradoiros. Así construímos espazos amables e social, ambiental e economicamente atractivos”, destacou.

Merca e gaña polo Nadal consistiu nunha campaña de sensibilización e promoción das compras no pequeno comercio, que puxo en marcha a Deputación, a través da Federación de Comercio de Lugo, en colaboración cos distintos concellos da provincia. Trátase dunha iniciativa anual coa que se busca incentivar as compras nos establecementos da provincia, ofrecendo 40 premios por valor de 10.000 euros, para seren reinvestidos nos propios comercios da zona. A campaña deste ano desenvolveuse dende o 6 de decembro de 2018 ata o 6 de xaneiro de 2019.

40 premiados
O sorteo dos premios de 10.000 euros de Merca e Gaña polo Nadal fíxose ante notario, incluíndo no mesmo os máis de 31.000 tíckets con compras de preto de 1.9 millóns de euros. Os nomes das persoas gañadoras (20 premios de 300 euros e 20 premios de 200 euros) publicaranse en www.nadalmercaegana.com, así como nas redes sociais da Deputación, Concello de Lugo e Federación de Comercio de Lugo, unha vez realizadas todas as comprobacións notariais oportunas.

0.12576103210449