Remata en Meira o programa Camiño da Innovación

TerraChaXa
Na xira levada a cabo durante novembro e decembro participaron máis de 550 persoas nos encontros con pemes, nos que interviron 65 relatores
programa camino innovacion clausura meira
10 Dec 2021

A directora da Axencia Galega de Innovación (Gain), Patricia Argerey, participou en Meira na última das paradas programadas da iniciativa Camiño da innovación, a cal realizou 246 asesoramentos a pemes sobre as oportunidades de innovar nos 18 concellos que visitou a xira. Así mesmo, foron 555 os asistentes e 65 os relatores que participaron nos encontros con empresas innovadoras da contorna, ademais dos 18 casos de éxito incluídos nos sete cadernos de innovación elaborados para a iniciativa.

Na cita de hoxe, á cal tamén asistiu o delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, Argerey animou ás pemes da comarca de Meira e contorna a innovar para ser competitivas e medrar, ao mesmo tempo que apuntou que a innovación está ao alcance de todas as empresas, con independencia do seu tamaño, localización ou sector. “Todas as análises sobre como afrontar a recuperación económica e consolidar o crecemento sinalan a investigación e a innovación como o factor máis influínte na competitividade das empresas”, puntualizou.

Ademais, a directora de Gain sinalou que as pequenas e medianas empresas son unha prioridade para a Xunta de Galicia, motivo polo que se acaba de poñer en marcha o Programa de Impulso da Innovación nas Pemes, dentro da que precisamente se enmarca Camiño da Innovación. O seu obxectivo é acompañar aos sectores máis tradicionais a evolucionar cara a unha economía máis innovadora a través do deseño de liñas de axuda pensadas para eles; xerar contidos formativos e ferramentas para axudarlles a valorar se están no momento de innovar; e ofrecer casos de éxito de empresas innovadoras da contorna que sirvan de exemplo.

Experiencias de primeira man

No marco deste programa da Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, unha das primeiras actuacións foi a posta en marcha de Camiño da Innovación, un espazo que percorreu distintos puntos da xeografía galega, poñendo o foco no rural, co obxectivo de xerar conciencia nas pequenas e medianas empresas sobre a importancia de innovar para medrar e chegar a novos mercados.

En cada parada –mediante cita previa– ofreceuse asesoramento personalizado a pemes e microempresas da man de técnicos da Axencia Galega de Innovación para axudarlles a analizar as oportunidades de innovar, sobre todo ás que aínda non teñen experiencia nesta práctica. Nestes asesoramentos, os técnicos colaboraron con cada empresa na elaboración dunha folla de ruta para poñer en marcha plans de acción que se materialicen en resultados tanxibles.

Ademais, contouse coa experiencia de máis de 50 casos de éxito de pequenas e medianas empresas que están a competir en mercados internacionais e que demostran que a innovación se pode poñer en marcha en calquera sector e empresa. Na cita de hoxe en Meira participaron Aldea do Marzo –dedicada ao turismo rural no Courel–; Cárnicos Río –empresa de Riotorto dedicada á fabricación e venda de produtos cárnicos–; e Bicos de Fío –tenda online de moda e complementos de Meira–.

Durante toda a iniciativa, publicáronse 18 videorreportaxes con algúns destes casos de éxito dispoñibles na web de Gain e desenvolvéronse sete cadernos de innovación nos que se explican as ferramentas e técnicas da innovación.

0.20374798774719