Rematan as obras que completan o abastecemento de auga a Castro de Rei

TerraChaXa | LugoXa
Augas de Galicia vén de finalizar as obras da segunda fase da mellora do abastecemento ao concello de Castro de Rei.
OBRAS SANEAMENTO AUGA CASTRO DE REI
OBRAS SANEAMENTO AUGA CASTRO DE REI
3 Feb 2023

A actuación que vén de finalizar centrouse na execución dun ramal que mellora a conexión co polígono industrial.

A Xunta, a través de Augas de Galicia, vén de finalizar as obras da segunda fase da mellora do abastecemento ao Concello de Castro de Rei, cuxa execución comezou a principios de xullo.

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, comprobou hoxe o resultado dos traballos, que completan a primeira fase realizada en 2021. En total, o Goberno galego destinou algo máis de 1 M€ a optimizar a rede de subministración de auga potable do municipio.

A última actuación contou cun orzamento autonómico de 380.900 euros -incluídas as obras e a contratación da asistencia técnica e da dirección facultativa - para mellorar as condicións de presión na rede de abastecemento no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e no polígono industrial.

Este segundo proxecto centrouse na execución dun ramal que, partindo dun tramo que se desenvolveu na primeira fase, mellora a conexión co polígono industrial. Para acometer este ramal, empregouse unha condución de máis de 1,5 km con tubaxe de polietileno de 225 mm de diámetro.

As obras foron executadas a través dun convenio entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Castro de Rei. A través deste acordo, a Xunta achegou o 80% do orzamento e a entidade local o 20% restante. A actuación foi cofinanciada pola Unión Europea con fondos FEADER.

Solución conxunta

Arias lembrou que a primeira fase tivo un orzamento de 650.400 euros -incluída a asistencia técnica e a dirección facultativa das obras - por parte da Xunta e consistiu na construción de dous tramos de tubaxe de abastecemento de fundición no núcleo de Castro de Ribeiras de Lea e nas inmediacións do termo municipal. Tamén se executaron varias arquetas de formigón armado para aloxar as ventosas e desaugues proxectados, así como as conexións coa rede existente.

Arias salientou que o Goberno galego continúa prestando apoio técnico e financeiro aos concellos para que poidan seguir prestando de xeito eficiente os servizos de saneamento, abastecemento y depuración, que son de competencia local.

0.17664217948914