Roás celebra esta fin de semana as súas festas e inclúe una degustación de produtos de razas autóctonas

Roás, en Cospeito, celebrará esta fin de semana, os días 26 e 27 de setembro, as súas festas, cunha programación que combinará actos relixiosos, música e gastronomía. Entre as propostas destaca a degustación promovida polo programa «Un Gusto de Rural, un Rural Degusto» da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que busca promocionar os produtos procedentes de razas autóctonas galegas.
A degustación terá lugar o domingo 27, a partir das 14.30 horas, no campo da festa, onde se ofrecerán petiscos de xamón de Porco Celta, hamburguesa de carne de Limiá e empanada de Galo de Mos.
A actividade conta coa colaboración de Boaga e Asoporcel, así como de varias ganderías e criadores da zona. Participan a explotación Porco Celta Cibrao, de José Vega da Ponte de Outeiro; a Gandería Ana María Teijeiro, de Castro de Rei, e o criador de galiña de Mos José Barrera Alonso, de Muimenta.
A deputada Iria Castro presentou a iniciativa acompañada por representantes da Comisión de Festas, das asociacións gandeiras e dos produtores participantes. A proposta pretende servir de escaparate para estes produtos e poñer en valor o traballo das explotacións que contribúen á recuperación e conservación das razas autóctonas e ao mantemento do territorio.
No que vai de ano, o programa da área de Rural da Vicepresidencia da Deputación de Lugo promoveu degustacións en 32 celebracións populares, mercados e feiras gandeiras.
A programación festiva completarase cos actos relixiosos, con misa e procesión os dous días ás 13.30 horas, e con diversas actuacións musicais. Alabama será protagonista da sesión vermú e da verbena do sábado, mentres que Panamá actuará tamén esa mesma noite. O domingo, a sesión vermú estará amenizada por Ritmo Joven.
Ademais, o programa inclúe unha comida popular o día 3, con D'Caché Music como encargado da animación, así como unha misa.