San Simón convértese nun plató de cine con Carmen Machi á fronte

TerraChaXa
Representantes da Xunta, da Deputación e do Concello de Vilalba participaron onte na rodaxe de Tratamos demasiado bien a las mujeres,
rodaxe vilalba visita institucional3
rodaxe vilalba visita institucional3
13 Abr 2023

Representantes da Xunta, da Deputación provincial e do Concello de Vilalba participaron onte nunha das xornadas de rodaxe da película Tratamos demasiado bien a las mujeres, nova longametraxe que a empresa compostelá Ficcion Producións filma integramente en Galicia e en concreto na Escola Habanera da parroquia vilalbesa de San Simón da Costa.

Os representantes públicos tiveron a oportunidade de intercambiar impresións sobre o avance das gravacións coa produtora executiva do filme, Mamen Quintas, a súa directora, Clara Bilbao; o guionista Miguel Barros e os seus protagonistas, Carmen Machi e Antonio de la Torre.

No set instalado na Escola Habanera de San Simón, saudaron así mesmo a parte do elenco coral que está a interpretar esta comedia negra, que conta coa participación dos galegos Luis Tosar, Diego Anido, Iván Marcos ou Cristina Iglesias, entre outros.

Un equipo de preto de 100 persoas participa na rodaxe de Tratamos demasiado bien a las mujeres, que deu comezo a finais de marzo en Vilalba. A longametraxe, que Ficcion coproduce coa compañía francesa Noodels Production, é un dos proxectos da liña de subvencións para atracción de rodaxes, con 350.000 euros, que conta tamén co apoio de TVG, RTVE e Prime Video. O concello lugués acolle todas as localizacións desta película, ambientado nos anos corenta do pasado século, que continuará co seu proceso de gravación ata mediados de maio.

Comedia negra

Clara Bilbao, recoñecida deseñadora de vestiario gañadora de tres premios Goya, debuta na realización de longametraxes con esta comedia negra, inspirada na novela On est toujours trop bon avec les femmes, do francés Raymond Queneau. Nela, Carmen Machi interpreta a Remedios Buendía, unha muller sen escrúpulos que se enfronta a grupo de maquis refuxiado nun pequeno pobo da montaña.

A protagonista demostrará ata onde é capaz de chegar para defender a súa patria e os seu valores nunha historia cun enfoque diferente, que bota man da sátira, a melancolía e o humor para abordar temas importantes de xeito desenfadado.

0.18346405029297