Santaballa acolle unha charla sobre hormonas e benestar organizada pola Asociación Agarimo

TerraChaXa
Ademais, habilitarase un espazo aberto para resolver dúbidas e compartir experiencias coa nutricionista Mireya Castiñeiras, especializada nesta área
charla-coloqquio-liga-santaballesa
15 Apr 2026

A Liga Santaballesa, en Santaballa (Vilalba), acollerá este venres 17 de abril ás 20:00 horas unha charla-coloquio titulada Hormonas e Benestar: unha viaxe de autocoñecemento, organizada pola Asociación de mulleres rurais Agarimo.

A actividade está concibida como un espazo de reflexión e aprendizaxe arredor da influencia das hormonas no estado de ánimo, a enerxía e o funcionamento do corpo, co obxectivo de promover o autocoñecemento como ferramenta para mellorar a saúde e o benestar.

Durante a sesión abordaranse cuestións como a relación entre a nutrición e o equilibrio hormonal, así como a importancia de adaptarse ás distintas etapas da vida para acadar un maior benestar. Ademais, habilitarase un espazo aberto para resolver dúbidas e compartir experiencias coa nutricionista Mireya Castiñeiras, especializada nesta área.

A iniciativa busca tamén romper tabús e fomentar o diálogo entre as asistentes nun ambiente próximo e participativo. Ao remate do encontro, ofrecerase un pequeno petisco acompañado de café ou infusión, favorecendo un momento de convivencia.

A participación ten un custo de 2 euros para as socias e de 4 euros para as non socias, sendo necesario reservar praza previamente. Desde a organización animan á veciñanza a sumarse a esta proposta, pensada para compartir coñecementos e avanzar no coidado da saúde desde unha perspectiva integral.

0.12314414978027