Sergio Marey, mestre das aulas de pandeireta de Pol: “O importante é aprender, xuntarnos e pasalo ben”

Pol
LugoXa | TerraChaXa
Sergio Marey, mestre das aulas de pandeireta que nace no berce da asociación cultural Leña Verde, defende as aulas de pandeireta como unha actividade dinamizadora da sociedade en Pol
pandereteiras-Pol
19 Apr 2026

Como xorde o grupo de pandereteiras e nunha localidade tan pequena?

O grupo de pandereteiras xurdiu na asociación cultural Leña Verde porque eu quería colaborar coa asociación e aportar novas actividades. Así, xurdiu a idea de organizar unhas aulas de pandeireta, tendo en conta que Leña Verde estaba a celebrar o seu 30 aniversario, o que tamén ofrecía a oportunidade de recordar aqueles tempos nos que se impartían clases. Propúxenllo á asociación, a quen lle pareceu ben, e lanzamos a convocatoria para quen quixese participar nestas aulas. A inscrición foi numerosa, o que demostrou que había interese e ganas de participar. Este tipo de actividades son especialmente importantes nos concellos rurais e pequenos, que necesitan dinamización cultural.

Que persoas conforman o grupo?

Agora mesmo temos 15 persoas e son todas mulleres menos un rapaciño, e hai de todas as idades, xa que temos unha nena de 11 anos e hai persoas de ata 70 anos. Ademais, non só vén xente de Pol, tamén hai xente doutras parroquias e incluso de Lugo e pode apuntarse calquera persoa interesada nas aulas. Así, xuntámonos os venres antes do ensaio de Leña Verde, ás 20.30 horas, e facemos ensaios de arredor dunha hora.

En que consisten os ensaios?

Nós empezamos desde o máis básico. Aprendemos pouco a pouco a tocar a pandeireta e imos traballando en perfeccionar cada tipo de toque, ademais de aprender a cantar, así seguimos o exercicio toque-canto que facían as verdadeiras pandereteiras. Ás veces, o toque-canto angustia un pouco, pero cóllese o truco moi rápido, non é que sexa cortar unha cenoria, pero imos aprendendo pouco a pouco, e sobre todo pasámolo ben. Abrazamos o erro, buscamos onde nos equivocamos e aprendemos, facemos que todo sexa moi amigable, para que a xente non lle colla medo. O importante é aprender, xuntarnos e pasalo ben.

O máis importante é darlle a Pol unha actividade para dinamizar a vida cultural da vila, non?

Exacto, reunímonos arredor de algo tan chulo como é a nosa tradición e desde o principio intentamos que perdan o medo a tocar a pandeireta e a cantar. Ademais, cantar en grupo non é o mesmo que cantar individualmente. O que importa é como sonemos todas e que a variedade de voces sonen ben de forma conxunta. Ao final, estas pequenas cousas axudan a que haxa unha apreciación cara ao noso, porque intento ensinarlles cancións que son de aquí de Pol e así tamén damos a coñecer a tradición da pandeireta, e non só da gaita, porque temos grandes referentes na gaita, pero ás veces se nos esquece que hai unha gran riqueza en pandeireta, como Dorothé Schubarth, unha das grandes musicólogas da nosa tradición, que visitou Pol varias veces.

0.11610698699951