Trece establecementos participarán no concurso de tapas Saborea As Pontes

TerraChaXa | FerrolXa
Celebrarase do 12 ao 15 e do 19 ao 22 de novembro, con propostas gastronómicas a 2,50 euros e 1.200 euros en premios
entrega-premios-saborea-as-pontes
5 Nov 2026

A gastronomía volverá ser protagonista en As Pontes coa celebración dunha nova edición de Saborea As Pontes. Concurso de Tapas 2026, unha iniciativa promovida polo Concello das Pontes en colaboración con Cohempo, que reúne este ano trece establecementos hostaleiros co obxectivo de poñer en valor a cociña local, apoiar o sector da hostalaría e dinamizar a actividade económica do municipio.

O certame desenvolverase durante dúas fins de semana, do 12 ao 15 e do 19 ao 22 de novembro, e contará coa participación de O Colador, Café-Bar Trastoy 3, Bar Excalibur, La Capilla, A Fervenza de Somede, Hotel Pontes do Eume, Cervecería Jardín, Cafetería Venus, Bar Safari, La Tremenda, Cervecería Medulio, Delapiccola As Pontes e A Taberna de Pancho.

Os establecementos participantes ofrecerán as súas creacións gastronómicas a un prezo único de 2,50 euros por tapa, convidando á veciñanza e ás persoas visitantes a percorrer os locais da vila, descubrir novas propostas culinarias e gozar da variedade e creatividade da hostalaría pontesa.

Os horarios do concurso serán os xoves e venres, de 19.30 a 23.00 horas, e os sábados e domingos, tanto ao mediodía, de 12.00 a 15.00 horas, como pola tarde-noite, de 19.30 a 23.00 horas.

A edil de Promoción Económica, Elena López, destaca a importancia de iniciativas como Saborea As Pontes para fortalecer o tecido empresarial local e xerar actividade arredor da hostalaría. «Este concurso é unha oportunidade para dar visibilidade ao talento e á creatividade dos nosos profesionais, pero tamén para animar a veciñanza e as persoas que nos visitan a descubrir os establecementos locais e apoiar o consumo de proximidade», sinala.

López subliña tamén o valor da colaboración entre administración e tecido asociativo e empresarial: "A implicación dos establecementos participantes e a colaboración de Cohempo son fundamentais para que esta iniciativa siga medrando e se consolide como unha cita destacada no calendario local".

O concurso contará este ano cunha dotación total de 1.200 euros en premios, destinada a recoñecer as propostas gastronómicas participantes e incentivar a creatividade e o traballo dos profesionais do sector.

Desde o Concello das Pontes quérese agradecer expresamente a implicación de Cohempo, a participación dos trece establecementos hostaleiros e o traballo de todas as persoas que contribúen á organización e desenvolvemento do concurso. Así mesmo, faise un chamamento á veciñanza e ás persoas visitantes para que se sumen a esta iniciativa, participen na ruta gastronómica e apoien os negocios locais.

0.16062998771667