Un proxecto ofrece datos en tempo real de cortas de madeira

TerraChaXa
A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería do Medio Rural están a colaborar no “Observatorio Forestal” que permitirá no futuro difundir en tempo real os datos de corta de madeira na nosa comunidade, entre outra información de interese para o sector.
lumber_logs_wood_timber_pile_material_industry_cut 1148870
15 Abr 2020

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega) e a Consellería do Medio Rural están a colaborar no “Observatorio Forestal” que permitirá no futuro difundir en tempo real os datos de corta de madeira na nosa comunidade, entre outra información de interese para o sector.

Trátase dunha ferramenta en construción situada na Oficina Virtual de Medio Rural -accesible na web da Consellería- que, unha vez completada, amosará en tempo real as series históricas dos datos das principais producións a aproveitamentos forestais almacenados en rexistros electrónicos administrativos. Deste xeito, cando un cidadán tramite unha declaración responsable ou solicitude de aproveitamento, a gráfica actualizarase automaticamente incorporando os datos dese trámite.

Para ter unha idea do volume de información que se xestionará a través desta ferramenta, cómpre lembrar que só no pasado ano 2019 tramitáronse preto de 94.000 solicitudes administrativas. Polo tanto, a tecnoloxía utilizada pola Amtega para agregar os datos de cada unha destas solicitudes ao longo dos últimos 10 anos e amosalos en tempo real requiriu a posta en funcionamento de novas funcionalidades complexas e eficientes.

Este proxecto tecnolóxico conxunto ten como principal obxectivo comezar a difundir datos en tempo real das producións forestais que son estratéxicas para Galicia, que permitan avaliar ás administracións públicas e ás principais organizacións e asociacións do sector forestal os grandes indicadores de actividade. Pero tamén pretende dirixirse á sociedade galega, á fin de divulgar estes datos e axudar achegando información de interese.

Así pois, nos vindeiros meses este “Observatorio forestal” amosará os datos dos prezos de adxudicacións das poxas públicas que celebra a Consellería do Medio Rural nos alleamentos de madeira en montes da súa xestión. Preténdese no futuro ampliar a información a outras producións forestais, coma cogomelos, castañas ou resina.

O forestal é un sector estratéxico no rural galego, xa que actualmente se están a aproveitar 9,7 millóns de metros cúbicos de madeira ao ano, o que lle reporta a máis de 80.000 familias galegas ingresos superiores aos 300 millóns de euros. Estas cortas iniciarán o proceso de transformación deste ecomaterial renovable nunha cadea monte industria que factura preto de 2.300 millóns de euros ao ano en Galicia.

O link para acceder á devandita ferramenta, en proceso de construción, é o seguinte:
https://ovmediorural.xunta.gal/gl/consultas-publicas/observatorio-forestal

0.17963695526123