Vilalba Aberta comprométese coa construción dun apiario didáctico en San Simón

TerraChaXa
Vilalba Aberta comprométese coa construción dun apiario didáctico en San Simón nunha reunión coa asociación Serra da Carba.
reunion vilalba aberta apiario serra da carba san simon
reunion vilalba aberta apiario serra da carba san simon
13 abr 2023

Vilalba Aberta segue sumando colectivos ao seu proceso de escoita de entidades e asociacións. Así, a formación reuniuse este luns coa directiva da Asociación de Apicultura Serra da Carba, co obxectivo de “contrastar os últimos detalles do seu Programa”.

A xuntanza, que se celebrou na Casa Escola da Pedragosa, permitiulle ao seu candidato á Alcaldía, Modesto Renda, explicar a “aposta estratéxica” da formación pola apicultura e a produción ecolóxica e de proximidade.

Tal e como explicou o candidato, “a materialización deste proxecto non só contribuiría á protección destes polinizadores, senón que achegaría as abellas a grandes e pequenos a través de visitas guiadas ao espazo.”

Renda, que apelou a “investir no presente para recoller no futuro”, contextualizou a proposta na necesidade de “proxectar a apicultura como unha potencial fonte de ingresos e creación de emprego, cun enorme potencial nas zonas rurais con maior grao de despoboamento.”

Con todo, lembrou, a contribución máis importante da apicultura á sociedade non é só de índole cultural ou económica, senón de carácter ambiental. “As abellas son as responsables da polinización dunha alta porcentaxe das plantas, incluíndo cultivos para a alimentación humana, chegando a aumentar de maneira considerable a súa produción. En suma, achega da apicultura é dun valor incalculable”, explicou.

Unha opinión compartida pola nº2 da formación, Mª Xosé Fernández, quen vinculou o compromiso de VA coa necesidade de “fomentar unha apicultura responsable e respectuosa, seguindo un modelo de produción sostible que prioriza o benestar das abellas e a súa función restauradora do ecosistema”.