Vilalba contará co ciclo musical 'Seráns con sons' para amenizar o verán

O Concello de Vilalba presentou hoxe unha nova proposta para este verán baixo o nome de “Seráns con son”, un ciclo musical que levará á alameda Basanta Olano un total de 7 actuacións ao aire libre entre os meses de xullo e agosto.
A presentación contou coa participación da alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, e do concelleiro Luis Fernández, que deron a coñecer unha iniciativa que nace coa intención de seguir ampliando a programación de ocio do municipio e ofrecer novas alternativas para desfrutar do verán tanto á veciñanza como ás persoas visitantes.
As actuacións celebraranse todos os xoves do mes de xullo e o primeiro de agosto ás 20:30 horas, ademais dunha última cita especial o martes 11 de agosto, coincidindo coa xornada previa ao eclipse solar, arredor do que o Concello está a preparar tamén unha programación específica que será presentada nas próximas semanas.
A programación de “Seráns con son”, que conta coa colaboración de A Pravia, Esmorga, Xanela e Momentos, estará formada por propostas musicais variadas e en formatos próximos e adaptados ao espazo da alameda:
● 2 de xullo – The Swinging Flamingos (swing – Galicia)
● 9 de xullo – Terrae & Nastasia Zürcher (músicas do Mundo – Galicia/Suíza)
● 16 de xullo – César de Centi (cancionista e versións – Galicia)
● 23 de xullo – Silvia Penide (cantautora – Galicia)
● 30 de xullo – Bela Clarlo (versións – Galicia)
● 6 de agosto – Disquetera (versións pop e rock – Galicia)
● 11 de agosto – DJ Mr. Fishman (selección especial previa ao eclipse)
Durante a presentación, desde o Concello explicouse que este novo ciclo non se entende como unha programación illada, senón como parte dunha estratexia máis ampla para reforzar a actividade social en Vilalba ao longo de todo o ano.
A alcaldesa de Vilalba, Marta Rouco, destacou que “queremos unha vila viva, con actividade e con propostas que dean vida aos nosos espazos públicos e que animen tanto á veciñanza como ás persoas que nos visitan a quedar e desfrutar de Vilalba”.
Rouco sinalou que “este ciclo encaixa nunha liña de traballo que vimos desenvolvendo dende hai tempo para ampliar e diversificar a programación municipal e que xa deu lugar a iniciativas novas como a festa de fin de ano, as prebadaladas ou a primeira festa de Entroido celebrada este ano”.
Pola súa parte, o concelleiro Luis Fernández puxo en valor que “a programación busca chegar a públicos diferentes e aproveitar espazos tan emblemáticos como a alameda Basanta Olano para convertelos tamén nun punto de encontro arredor da cultura e da música”.
Fernández destacou ademais que “apostamos por formatos próximos e por unha programación variada para que cada semana haxa unha proposta
diferente e para que o verán en Vilalba teña alternativas para todas as idades e preferencias”.
Desde o Concello animan á veciñanza a participar nesta primeira edición de “Seráns con son” e a incorporar estas citas musicais á programación estival do municipio.