Vilalba continuará en outubro e novembro co itinerario formativo dirixido a mulleres desempregadas

TerraChaXa
Busca dotar de competencias e habilidades dixitais para o emprego a mulleres que se atopen en diferentes situacións
itinerario-emprego-vilalba-mulleres
Cartel dos cursos
30 sep 2024

O Concello de Vilalba desenvolverá, nos vindeiros meses de outubro e novembro en horario de 9:30 a 13:30, un itinerario formativo en colaboración coa Fundación Mujeres e dirixido a mulleres desempregadas para a adquisición de competencias e habilidades dixitais para o emprego.

En concreto, trátase dunha formación inserida no programa Alicia, activando la igualdad, que constará de tres fases:

• "Quiero": abordará temáticas de carácter persoal, nas que se incluirán un taller de autoestima, habilidades sociais, xestión do tempo e a adquisición de destrezas básicas para o manexo de Internet.

• “Puedo”: será a parte máis extensa e centrarse fundamentalmente no aspecto laboral e nas competencias dixitais, podendo subdividir os seus contidos en:

  • Condicións laborais: análise das condicións laborais requiridas polo mercado de traballo e adaptación do noso perfil ás mesmas.
  • Competencias profesionais: análise das competencias profesionais que demanda o mercado laboral e autoavaliación para determinar se contamos con elas.
  • Obxectivo profesional e autoemprego: valoración das diferentes alternativas de inserción ao mundo laboral, por conta propia e por conta allea.
  • Habilidades sociolaborais no mercado de traballo: aprendizaxes para potenciar as habilidades sociais e adaptalas ás demandas das empresas no mercado de traballo.
  • Habilidades sociolaborais para a procura de emprego: aprendizaxes para potenciar as habilidades sociais e mellorar a estratexia de busca de emprego.
  • Emprego de ordenador: aprendizaxes do uso do ordenador e Internet de xeito práctico e aplicado á actividade da busca activa de emprego.
  • Estratexias de busca de emprego en internet: emprego de ferramentas en liña para adquirir estratexias de busca activa e eficaz de emprego.

• "Consigo": a terceira e última fase que estará orientada fundamentalmente á práctica, podendo sinalar, por exemplo, a preparación para unha entrevista de traballo ou a participación nun proceso de selección de persoal.

As mulleres interesadas, que deberán cumprir os requisitos de admisión, poderán inscribirse a través dos teléfonos 982 523 032, 981 294 097 ou 660 355 831, así como no enderezo de correo electrónico galicia@fundacionmujeres.es ou no Centro de Información á Muller do Concello de Vilalba, onde ademais poderán consultar e ampliar a información e dúbidas que precisen.

No relativo aos requisitos, a formación está dirixida a mulleres desempregadas que se atopen na procura dunha mellora laboral, así como a mozas sen experiencia, mulleres maiores de 45 anos, mulleres de familia monoparentais e mulleres residentes no rural.

itinerario-emprego-vilalba-mulleres-cartel
0.084336996078491