Villares, "satisfeito" pola sentenza sobre Caldaloba e lamenta o "boicot" da Deputación

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Alfonso Villares, amosou hoxe a súa satisfacción polo fallo xudicial sobre a Torre de Caldaloba, en Cospeito, que ratifica o dereito de retracto da Administración autonómica.
Villares destacou que a sentenza coñecida hoxe “dá a razón á Xunta” e permite avanzar na defensa e protección dun elemento fundamental do patrimonio histórico da provincia de Lugo. Ao mesmo tempo, sinalou que o pronunciamento xudicial vén confirmar que o procedemento se viu prolongado innecesariamente pola “incomprensible actuación” da Deputación Provincial.
Neste sentido, o delegado territorial afirmou que a institución provincial “enredou e tentou boicotear” durante anos o procedemento, o que impediu a posta en marcha de actuacións efectivas, tanto por parte da Xunta como do Concello de Cospeito, para a protección e conservación da Torre de Caldaloba.
A Vicepresidencia da Deputación, nun comunicado de onte, acusou ao Goberno da Xunta de atrasar o procedemento e a restauración do monumento ao acudir aos xulgados e non chegar a un acordo pola vía adminsitrativa.
“Durante demasiado tempo, a Deputación antepuxo a confrontación política ao interese do patrimonio”, afirmou Villares, quen considerou que o importante a partir de agora é “que as administracións que realmente temos interese en facelo nos poñamos a traballar para recuperar, conservar e poñer en valor Caldaloba”.
Neste senso, instou aos responsables provinciais a “pedir desculpas á veciñanza de Cospeito e do conxunto da provincia por un xeito de actuar que o único que conseguiu foi frear durante anos a conservación deste Ben de Interese Cultural”. Incidiu en que a sentenza permite abrir unha nova etapa na que debe primar a colaboración institucional e a protección efectiva do patrimonio.
Unha vez despexada a cuestión da propiedade por parte dos tribunais, Villares avanzou que a Xunta seguirá a traballar, xunto co Concello de Cospeito, para avanzar nas actuacións necesarias para garantir a conservación da Torre de Caldaloba e desenvolver posibles intervencións para a súa recuperación e posta en valor.
“Agora toca mirar cara adiante”, sinalou. “A Xunta vai facer o que lle corresponde: traballar, investir e colaborar co Concello para que Caldaloba deixe de ser unha asignatura pendente e poida converterse nun patrimonio vivo, coñecido e accesible para os veciños e para todos os galegos”.
Villares reivindicou, finalmente, o compromiso da Xunta coa conservación do patrimonio cultural da provincia de Lugo e asegurou que o Goberno galego continuará exercendo as súas competencias con “responsabilidade, rigor e determinación”, buscando sempre que os bens culturais conten coa protección e coas actuacións que precisan.